Introdución da fotografía na arte galega (dende 1980)
- Lista Romay, Enrique José
- Manuel Sendón Trillo Director
Universidade de defensa: Universidade de Vigo
Fecha de defensa: 02 de xuño de 2015
- Lourdes Méndez Pérez Presidente/a
- Xosé Antón Castro Fernández Secretario/a
- Federico López Silvestre Vogal
Tipo: Tese
Resumo
A nivel internacional, a fotografía introdúcese definitivamente na Arte a partir dos anos 60 do pasado século, cando algúns artistas do Pop Art e das neovangardas de liña conceptual incorporan prácticas fotográficas diverxentes do canon purista que ata entón se tiña establecido nunha Historia da Fotografía que discorrera (deliberadamente) por un camiño paralelo ó das outras artes plásticas. No contexto galego, este proceso deuse de xeito máis tardío e con particularidades que non poden ser explicadas unicamente pola situación periférica da nosa Comunidade. Padecendo ata case rematado o século XX a desconexión cos tempos e tendencias da Arte contemporánea internacional, así como unha grande escasez de infraestruturas, será no paulatino asentamento destas últimas a partir da consolidación da Autonomía na nosa Comunidade onde esté o factor decisivo para a introdución da fotografía na Arte galega. A chegada de institucións (especialmente a Facultade de Belas Artes de Pontevedra e o CGAC) que seguen xa modelos de internacionais de arte multidisciplinar onde o medio fotográfico está plenamente admitido marcará a relación dos artistas coa fotografía e/ou a relación dos fotógrafos coa Arte. No panorama da fotografía xa introducida na Arte galega caben prácticas e axentes de perfil moi diverso: os artistas das últimas xeracións que asumen de inicio a multidisciplinariedade, algúns artistas de xeracións anteriores que foron incorporando a fotografía en paralelo ó asentamento dos novos paradigmas, algúns dos fotógrafos galegos que comezaran a súa actividade nos 80 migrando máis tarde cara o campo da Arte e o único caso a nivel do Estado do desprazamento cara este campo dun fotógrafo profesional: Virxilio Viéitez. Non podendo falar propiamente dunha fotografía contemporánea galega que responda a parámetros estéticos, discursivos ou mesmo sociais que a unifiquen, o que se atopa é unha comunidade de axentes moi diversos (non solo artistas e/ou fotógrafos), con diferentes xeitos de relacionarse co medio fotográfico e de entendelo. O significado e valor da fotografía diseminase neste amplo espectro de axentes e nos campos sociais nos que se ubican, de xeito que neste estudo non propoñemos teses xenéricas sobre esa posible fotografía contemporánea galega, senon que tentamos analizar ese espazo de dispersión e trazar unha certa imaxe do mesmo.