The implications of tourism development on labour conditions
- Pérez Dacal, Diana
- Yolanda Pena Boquete Co-Doktormutter
- Melchor Fernández Fernández Co-Doktorvater
Universität der Verteidigung: Universidade de Santiago de Compostela
Fecha de defensa: 23 von Juli von 2013
- José Villaverde Castro Präsident/in
- Roberto Bande Ramudo Sekretär
- Begoña Cueto Iglesias Vocal
- Miguel Rodríguez Méndez Vocal
- Manuel Fernández Grela Vocal
Art: Dissertation
Zusammenfassung
O turismo é presentado hoxe en día como un fenómeno clave para a economía mundial, que desenvolve tamén un papel relevante en España, así como en cada unha das súas provincias se aplicamos a análise a un nivel rexional. A literatura económica, que adoita basear os seus discursos en estatísticas e indicadores macroeconómicos, sinala o turismo como unha actividade estratéxica por tres aspectos fundamentais: equilibrio da balanza de pagos, achega ao Produto Interior Bruto (PIB) e impulso ao emprego. A evidencia empírica mostra numerosos datos á hora de destacar a relevancia do turismo. A chegada de turistas internacionais experimentou un espectacular incremento dende a segunda metade do século XX, pasando de 25 millóns de turistas en 1950 a 983 millóns de persoas no ano 2011. De feito, espérase que as cifras oficiais confirmen que durante o ano 2012 se superará a cifra de 1 billón de turistas acadando un máximo histórico (OMT, 2011). Dentro deste panorama internacional, España sitúase no cuarto posto mundial como destino turístico, no segundo por ingresos turísticos internacionais e no sexto en canto á contribución do turismo ao PIB. Polo tanto, sen dúbida ningunha o turismo constitúe hoxe unha fonte de ingresos considerable para o crecemento e desenvolvemento da economía española, con salientables efectos sobre o nivel e a calidade do emprego. Así, tanto dende a literatura económica como na elaboración de políticas públicas mostrouse un crecente interese polo desenvolvemento deste sector da economía. Por outra parte, dende hai décadas as organizacións internacionais teñen feito un esforzo importante para a posta en común de definicións de conceptos, metodoloxías e medicións para facilitar a elaboración homoxénea de enquisas, e facilitar así os estudos e investigacións para cuantificar o fenómeno e avaliar as súas características (OECD, 2008; ILO, 2009) O turismo non constitúe unha industria no sentido tradicional, senón que é, máis ben, un sector heteroxéneo que representa unha ampla variedade de actividades económicas de distinto tipo e dimensión (OECD, 2008). Segundo a propia definición da Organización Mundial de Turismo (UNWTO), ¿O turismo abarcaría aquelas actividades que realizan as persoas durante as súas viaxes e estancias en lugares distintos dos habituais, por un período inferior a un ano. A súa finalidade podería ser de ocio, negocios e outras.¿ Esta é unha definición moi ampla (todas as actividades que se realizan durante as viaxes), que fai depender a actividade turística, basicamente, das persoas. Así, os trazos esenciais do turismo son: o desprazamento fóra do contorno habitual, a duración do desprazamento e os motivos dese desprazamento. Hai que facer notar que dende a perspectiva da análise económica, a medición do turismo implica observar os fluxos turísticos nos que interveñen os visitantes e non só os turistas. De feito, esta é a metodoloxía seguida nas Cuentas Satélites del Turismo en España (INE, 2004). Os viaxeiros divídense en visitantes (os que teñen fins turísticos) e outros viaxeiros (que se desprazan por outros motivos). Pola súa vez, os visitantes clasifícanse en: a) turistas, cando pernoctan fóra do seu contorno habitual e b) excursionistas, se non pernoctan fóra (UNWTO, 2008). E dentro dos turistas tamén podemos distinguir segundo sexa turismo doméstico: visitantes que fan turismo dentro do seu propio territorio (no que está a súa residencia habitual) e turistas internacionais. En definitiva, as persoas son as que deciden viaxar en función das súas preferencias e educación. Pero, ademais, o turismo é un servizo baseado en prestacións persoais aos individuos, o que supón que o contacto directo co público é aínda insubstituíble en numerosas fases da actividade. Deste xeito, o turismo é un sector intensivo en forza laboral, cunha gran capacidade de xerar postos de traballo directo que requiren as instalacións turísticas: hoteis, restaurantes, etc. Ademais do impacto directo, orixínanse empregos de carácter indirecto noutras empresas da rexión turística (construción, axencias de viaxe, casas de cambio, etc.) e emprego inducido (derivado da demanda de consumo dos empregados directos e indirectos no comercio, bancos, espectáculos, etc.). Aínda que non resulta sinxelo o seu cálculo, pódese afirmar que practicamente todas as actividades do sistema económico se ven afectadas, en maior ou menor medida, polo turismo, feito que, por outra banda, demostra a elevada interdependencia sectorial existente en calquera economía desenvolvida. Unha vez establecido o marco conceptual do turismo, é preciso explicar por que o turismo é importante para España. En primeiro lugar, cómpre facer a distinción entre turista e excursionista xa que o número total de visitantes está composto por un 57% de turistas e un 43% de excursionistas. Ademais, estes visitantes gastan 58.851 millóns de euros, gasto efectuado polo 90% dos turistas e só polo 10% de excursionistas (IET, 2011). En segundo lugar, as estatísticas oficiais españolas amosan diferenzas significativas entre o turismo internacional e o doméstico. España recibiu 99,9 millóns de visitantes internacionais en 2011, ano no que alcanzou un máximo de chegadas (IET 2011). A pesar do escenario internacional, non só o turismo internacional senón tamén o turismo interior debe ser estudada en detalle. En consecuencia, centraremos o estudo nos visitantes que permaneceron unha ou máis noites nun sector formal de aloxamento turístico, xa que é o segmento para o que dispoñemos de datos fiables (non así para os excursionistas). Por unha banda, os turistas internacionais teñen un gasto diaria medio máis alto, arredor dos 136,60 euros, e a súa estadía media é de 6,8 días. Por outra banda, 28 millóns de visitantes domésticos aloxáronse en Hoteis. O tempo medio de estadía para os turistas domésticos que viaxan dentro do país é de 4,4 días e o seu gasto medio diario alcanza os 70,10 euros. Obviamente, o gasto dos turistas en aloxamento, alimentación e bebidas, transportes locais e entretemento é maior e contribúe dun xeito máis relevante á economía que o gasto dos excursionistas. Porén, nesta investigación usaremos exclusivamente os datos de turistas que pernoctan e que se aloxan no sector formal. Ademais, atenderemos ao lugar de residencia dos turistas, xa que, aínda que os dous tipos de turismo son significativos en termos da súa achega económica, os seus efectos poden ser diferentes debido a características distintas, á distinta distribución no territorio, e por iso deben ser estudados por separado. Xunto cos turistas, outras variables mostran a relevancia do turismo na nosa economía. Así, segundo as últimas estatísticas oficiais o turismo xera en torno ao 11% do PIB e emprega o 11,80% do total de traballadores da economía española en 2011 (IET, 2012). Con todo, non todas as rexións, provincias ou áreas locais teñen acadado o mesmo nivel de éxito, posto que presentan grandes diferenzas en termos de chegadas de turistas internacionais, turistas domésticos, número de hoteis, emprego, etc. Ademais, tanto o desenvolvemento do lado da demanda (pola promoción de destino) como a mellora da oferta (polas estratexias levadas a cabo polo sector privado) vense limitados ás potencialidades de cada destino turístico. Cando os turistas deciden escoller un destino en España, precisan algo máis que as infraestruturas turísticas. Os turistas afirman que visitan España por varios motivos: na procura do bo clima, para relaxarse no campo ou na praia, para realizar actividades culturais, etc. Polo tanto, na nosa análise, hai que estudar como estas variables inflúen no desenvolvemento do turismo e, en particular, no emprego. Asemade, é preciso destacar que os gobernos centrais e rexionais teñen concentrado os seus esforzos en atraer turistas e desenvolver o lado da oferta. O mantemento e a mellora da competitividade na industria do turismo pode contribuír de maneira considerable á promoción dun crecemento intelixente, sostible e integrado. Esta especialización intelixente é vital para os obxectivos da estratexia europea para o ano 2020. A Comisión Europea suxire que a especialización intelixente significa identificar as características únicas e os bens de cada rexión, así como destacar as súas vantaxes competitivas (Comisión Europea, 2012). Por esta razón, é necesario identificar as características de especialización do turismo español a nivel rexional, a fin de analizar os efectos actuais e potenciais sobre a economía xa que non todas as estratexias rexionais deben ser iguais. A pesar dos numerosos estudos realizados sobre o sector turístico, existe un gran baleiro no que respecta á análise do emprego. De todos os factores que inciden na determinación da magnitude da industria turística, talvez son as persoas empregadas o principal recurso do sector, dado que a calidade dos produtos e servizos turísticos depende en gran medida do factor humano que determina o grao de satisfacción do cliente. A outra cara do turismo como fonte xeradora de emprego descóbrese ao observar as características e a calidade do emprego xerado: elevadas porcentaxes de emprego temporal e a tempo parcial, altas xornadas laborais, baixos salarios, etc., así como as súas consecuencias sobre a ocupación noutros sectores económicos. Non obstante, a medida que unha economía se desenvolve como foco de atracción turística, tamén se precisa un maior grao de profesionalización para manter o prestixio, competindo en calidade con outros focos turísticos. O estudo aquí presentado organízase en catro capítulos. O primeiro paso da investigación é delimitar o concepto e a medición de especialización turística e da estacionalidade. Tal e como afirman Song, H. et al. (2012), a relación entre o turismo e o desenvolvemento económico converteuse nun obxectivo central dunha área recente da literatura económica. A pesar deste aspecto, non hai un consenso sobre cales son os indicadores precisos para medir a especialización do turismo. En primeiro lugar, debemos ser capaces de abordar o turismo dende o lado da demanda, xa que as chegadas de turistas son moi diferentes entre as provincias españolas. De feito, Jansen-Verbeke (1995) destaca a atracción de turistas como unha variable clave para mellorar o posicionamento do mercado a nivel local. Neste punto, é fundamental distinguir entre o turismo doméstico e internacional, posto que, como xa se mencionou, os gastos realizados por cada tipo de turista, a estadía media, as motivacións que o levan a visitar cada destino, etc. poden ter distintos efectos sobre a economía. En segundo lugar, na nosa análise debemos incorporar a medición da especialización turística como fonte de emprego e crecemento económico. Os indicadores do lado da oferta proporcionan información útil sobre a capacidade de aloxamento e a especialización turística relativa ao resto de actividades económicas (Jansen-Berveke, 1986). E a terceira fase desta medición da especialización en turismo será a inclusión dos factores de atracción dos destinos turísticos. Con este obxectivo analizaremos a motivación dos turistas que visitan España e incluiremos variables relativas ao clima, elementos naturais ou infraestruturas culturais. Ademais, no capítulo 1 ofrécese unha revisión ampla da definición e diferentes medidas sobre a estacionalidade propostas pola literatura económica do turismo (Baum, 2001). Por exemplo, Koening & Bischoff (2003) suxiren que unha combinación de diferentes medidas é a mellor forma de aproximar a estacionalidade. Así, ademais de elixir o tipo de indicador, este aplicaríase a unha gran variedade de variables como a chegada de turistas, o número de establecementos abertos, estadías, etc. Como consecuencia da gran variedade de indicadores empregados nas tres dimensións (demanda, oferta e factores de atracción turística) para abordar a especialización do turismo e a estacionalidade, aplicouse a Análise de Compoñentes Principais (PCA). Este é un método estatístico multivariante que permite resumir toda a información proporcionada polos indicadores, coa redución de datos a un número menor de dimensións. Deste xeito, a PCA permite establecer unha clasificación ordenada para as provincias españolas segundo os graos de especialización turística e de estacionalidade. Os resultados obtidos neste apartado empregaranse nos capítulos 3 e 4 para afondar nas súas implicacións sobre as condicións de traballo. Seguidamente, no capítulo 2 centrámonos nun campo particular da economía do turismo: o mercado de traballo. O emprego turístico é unha variable clave para a economía dado que o turismo é intensivo no uso de man de obra. Aquí analízanse as características da man de obra das actividades propias do turismo. É importante facelo por tres motivos: a) para comprobar se as ideas sobre as condicións de traballo de baixa calidade son correctas, tamén para unha economía especializada en turismo como España; b) para identificar as variables que a través da especialización do turismo poderían mellorar as condicións de traballo e, en consecuencia, para realizar unha análise máis profunda nos capítulos 3 e 4; e c) para ter un mellor coñecemento e realizar unha análise aplicada nos dous últimos capítulos. Logo, abordamos as desvantaxes para a medición do emprego turismo, xa que o turismo é un fenómeno que vén definido polo lado da demanda. Non obstante, non é posible obter información fiable sobre a composición e calidade do emprego no turismo a través desa vía. Como consecuencia, nesta tese definimos o emprego no turismo español desde a perspectiva do lado da oferta, utilizando distintas fontes de datos. Porén, seguimos as recomendacións da OCDE (2008) que destacan o método como o máis axeitado para a análise de emprego. A continuación, amosaremos as diferenzas provinciais no nivel de emprego e describiremos a evolución do emprego no turismo nos últimos anos. Ademais, neste caso, na análise imos ter en conta a ratio turística, que amosa a importancia de establecer unha distinción entre as actividades características do turismo, en función da produción atribuíble aos visitantes turísticos. Por outra banda, a literatura ten descrito o desenvolvemento da actividade turística como fonte de emprego de baixa calidade porque xera contratos temporais, emprego a tempo parcial, xornadas laborais máis longas, baixos salarios, etc. (ILO, 2009). En consecuencia, neste estudo preténdese caracterizar as condicións de traballo do turismo español identificando os perfís de emprego e a súa calidade. A novidade que aporta esta investigación é a análise baseada no nivel nacional e rexional, distinguindo os resultados dos diferentes grupos das actividades características do turismo. Ao longo do capítulo 3 vemos como os investigadores e os políticos fixeron un grande esforzo para diminuír a alta incidencia de contratos temporais na economía española. En realidade, o traballo temporal é unhas das cuestións máis candentes á hora de tratar o mercado laboral de España. Na nosa análise no capítulo 2 descubrimos que o emprego temporal posúe aínda unha maior incidencia no mercado de traballo do turismo español. Empregaremos o modelo de Dolado (2002) para explicar cales son os determinantes da incidencia de contratos temporais nas actividades características do turismo. No modelo incorporamos as características propias do turismo: o grao de especialización por provincias españolas, coa fin de ver se a especialización do turismo é importante para reducir ou aumentar a temporalidade non ligada á estacionalidade do turismo. Malia que o carácter estacional do turismo está ligado á temporalidade, destacamos que é relevante para a análise do emprego separar o emprego temporal do estacional. Con todo, hai que ter en conta se os resultados son diferentes dependendo do grao de estacionalidade. Unha vez máis, realizamos a análise a un nivel desagregado para atopar as diferenzas entre as provincias españolas, e distinguimos tamén entre as actividades características do turismo. Finalmente, no último capítulo, incorporamos as principais conclusións da Análise de Compoñentes Principais, para comprobar se a estacionalidade e a especialización do turismo teñen consecuencias na economía a nivel global, tanto nos salarios como no nivel de emprego. Despois de analizar as investigacións previas en materia de salarios dos empregados turísticos, observamos que a maioría deles son estudos empíricos sobre certos aspectos da calidade do emprego ou sobre salarios (Sinclair, 1990;. Song, H. et al 2012). Consideramos que é necesario engadir unha nova perspectiva sobre as implicacións do turismo sobre o nivel dos salarios, xa que o turismo é un sector transversal que produce efectos positivos globais sobre a economía, contribuíndo ao seu desenvolvemento. De feito, a literatura que estuda os impactos do turismo sempre estimou os efectos directos, indirectos e inducidos sobre a economía. Polo tanto, basearémonos na ecuación de salarios corrixida polo matiz de selección (Mincer, 1974), incluíndo non só variables socio demográficas, senón tamén os indicadores relativos á especialización do turismo e á estacionalidade de cada rexión. Por último precisamos que nesta investigación queremos coñecer como o desenvolvemento do turismo afecta ás condicións de traballo. Por esta razón a contribución desta tese é dobre. Por unha banda, revisamos a literatura para establecer e determinar indicadores precisos e axeitados para a medición da especialización turística e da estacionalidade nas provincias españolas. Esta análise debe proporcionar unha comprensión ampla das distintas dimensións incluídas no desenvolvemento do turismo, e as principais diferenzas rexionais en España. Por outra banda, imos examinar como o grao de desenvolvemento do turismo inflúe en dúas dimensións do mercado laboral: emprego temporal e salarios. Entre os principais resultados obtidos a partir do primeiro capítulo somos capaces de avaliar a influencia da estacionalidade e da especialización do turismo na área de mercado de traballo. A pesar da relevancia crecente do turismo na nosa economía, é necesario coñecer as diferenzas rexionais a fin de planificar estratexias para o desenvolvemento do turismo a nivel rexional e local. Os principais resultados amosan como a maioría das rexións españolas seguen o modelo de turismo de sol e praia, con algunha excepción relacionada con destinos de esquí (Huesca e, recentemente, Xirona), así como outras provincias que rodean as grandes cidades e que reciben un elevado número de turistas españois. Aínda que os resultados mostran que a especialización do turismo estranxeiro ten influencia positiva sobre a estabilidade no emprego e no nivel dos salarios e emprego, moi poucas rexións atraen visitantes internacionais. Ademais, a estacionalidade de turistas domésticos é maior que a dos internacionais. De feito, moitos gobernos a nivel nacional e rexional fixeron un esforzo para tentar diminuír os fluxos estacionais de turistas. Con todo, os nosos resultados mostran que a estacionalidade ten efectos positivos sobre o mercado laboral cando está ligada a unha maior especialización do turismo. O desenvolvemento do sector turístico require plans, políticas e normas nos que poida fundamentarse a súa canalización e consolidación no marco dunha realidade turística internacional cada día máis competitiva. Con esta finalidade, precísase información fiable sobre a realidade do turismo nos países e a nivel rexional e local. Esta resulta vital para coñecer e avaliar a incidencia do turismo no emprego e noutros ámbitos sociais como o económico, o cultural e o medioambiental.