Departamento: Departamento de Química Física

Facultad: Facultade de Farmacia

Instituto: Instituto de Materiais (iMATUS)

Área: Química Física

Grupo de investigación: BIOINTERFAR Fisicoquímica de superficies, biointerfaces e sistemas coloidais de interese farmacéutico

Correo: matilde.casas@usc.es

Doutora pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese Acción del ácido silícico sobre monocapas de lípidos y lipidoproteínas 1990.

A profesora Matilde Casas estudou na súa tese doutoral a interacción do ácido silícico con modelos lipoproteicos da membrana plasmática na interface ar/auga, co fin de estudar os mecanismos moleculares implicados na etioloxía da silicose. Os resultados da tese contribuíron a identificar a natureza das forzas físicas que se exercen neste contexto, ben como a importancia da orientación dos dipolos nas membranas, o que deu por fornecer unha explicación molecular ao dano na membrana lisosomal dos macrófagos, que resulta en fibrose pulmonar nos pacientes con silicose. Nos anos seguintes, xa como profesora de Fisicoquímica, continuou a súa investigación na caracterización interfacial de péptidos e proteínas, fármacos e tensioactivos e polímeros sintéticos, e da interacción destas substancias con modelos de membranas celulares de mamíferos e de microorganismos, para poder dilucidar os mecanismos de acción e de toxicidade de fármacos que actúan sobre as membranas. O seu traballo, publicado e presentado en congresos nacionais e internacionais, contribuíu a construír uns fundamentos sólidos para o uso das monocapas de Langmuir e da microscopía de ángulo de Brewster (BAM) como técnicas para estudar a agregación e fases lamelares de tensioactivos, a establecer criterios baseados en estudos fisicoquímicos para a escolla de sistemas de liberación de fármacos, e a salientar a importancia da física e a química dos lípidos de membrana en patoloxía e na farmacoterapia. No ano 2012 incorporouse ao grupo de investigación da profesora Isabel Sández Macho, no que tivo a oportunidade de expandir o seu ámbito de investigación a sistemas nanoestruturados e liberación de fármacos a través de estudos na interface ar/auga. Na última década, a profesora Casas participou de inxente traballo sobre copolímeros bloque biocompatibles formadores de micelas, estudando o seu comportamento baixo distintas condicións fisicoquímicas en ambientes fisiolóxicos e patolóxicos e na presenza de excipientes farmacéuticos. Desde 2020 é a coordinadora do grupo de investigación, coa mirada posta no estudo das biointerfaces aplicadas á liberación local de fármacos, traducido en estudos termodinámicos e moleculares de agregación e interaccións en medios biolóxicos. Isto pretende por en relevo a importancia da fisicoquímica de superficies na mellora da administración de fármacos en vías con baixa biodispoñibilidade. Durante toda a súa carreira vén desenvolvendo tarefas e ocupando cargos de xestión no centro e no departamento, sendo actualmente Secretaria da Facultade de Farmacia.