San Domingos de Pontevedrafortuna patrimonial e memoria urbana dunha ruina
Editorial: Museo de Pontevedra
ISBN: 9788412746365
Ano de publicación: 2024
Tipo: Libro
Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable
Resumo
As ruínas do antigo Convento de San Domingos de Pontevedra son un dos principais monumentos da cidade. Esta importancia non só radica nas súas formas, nas que se testemuña a transcendencia do pasado medieval e, por extensión, a relevancia que a Orde de Predicadores alcanzou na urbe pontevedresa. Aspectos que, aínda que importantes, non explican por si mesmos o protagonismo que a cabeceira adquiriu na vida de Pontevedra e dos seus habitantes. Se importante é o seu proceso de creación, moito máis destacable é a historia da súa conservación. Loita titánica na que participaron un grupo de comprometidos intelectuais pontevedreses que, con tesón e constancia, converteron aos restos do Convento de San Domingos nun exemplo destacado do noso patrimonio cultural. É neste espazo, hoxe integrado no Museo de Pontevedra, no que o tempo se detén para abrir unha nova dimensión que permite comprender a historia da conservación dun monumento, o primeiro que foi recoñecido como tal na cidade, pero tamén a historia da propia cidade e das súas xentes, xa que estas ruínas, coa súa presenza, convértense en testemuño vivo da Pontevedra dos séculos XIX e XX, e sen elas, sen a súa presenza ou valores, a historia da cidade non sería a que é hoxe.