La interpretación bíblica en la obra de Paul Ricoeurhermenéutica filosófica y exégesis
- Castón Blanco, Emilia
- Marcelino Agís Villaverde Director
Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela
Fecha de defensa: 09 de decembro de 2022
- Manuel Lázaro Pulido Presidente/a
- Milagros María Otero Parga Secretaria
- Piotr Roszak Vogal
Tipo: Tese
Resumo
Esta investigación sobre a hermenéutica e a esexese bíblica de Paul Ricoeur realízase a través dun percorrido pola súa biografía e a súa traxectoria intelectual, desde o seu nacemento en Valence (Francia) en 1913 ata a súa morte en París en 2005. Tomamos como referencia os traballos de Paul Ricoeur sobre hermenéutica bíblica e os estudos dos principais autores que mantiveron con el un fecundo debate sobre o tema. A estrutura da tese divídese en seis capítulos. O capítulo I abarca a biografía de Paul Ricoeur, os seus estudos, e, unha vez licenciado, os seus comezos na docencia. Se a formación do autor é importante na configuración do seu carácter, non menos o é a súa participación na II Guerra Mundial. En 1939 Ricoeur é mobilizado e en 1940 cae prisioneiro e é levado a un campo de prisioneiros nazi. Esta experiencia marcarao persoalmente e afectará as súas consideracións filosóficas sobre a cuestión do mal. Na súa evolución como filósofo influíron o personalismo de Emmanuel Mounier; o existencialismo de Karl Jaspers e Gabriel Marcel; a psicanálise de Freud; e a fenomenoloxía de Husserl. Asume a herdanza hermenéutica de Schleiermacher, pai da disciplina, e de Wilhelm Dilthey, que foi pioneiro en abrir os textos á compresión histórica, xunto con Heidegger e Gadamer, as dúas principais figuras do século XX, que coinciden en que toda comprensión ha de estar mediatizada pola interpretación. Estudamos no capítulo II a cuestión da linguaxe relixiosa. Ricoeur profunda no labor de Freud e a psicanálise como unha modalidade hermenéutica que nos abre o universo simbólico e onírico, presente na linguaxe bíblica, así como nos relatos míticos, entre outras modalidades discursivas. Dedicamos o capítulo III á análise do discurso bíblico e dos xéneros literarios, recollendo o debate LaCocque-Ricoeur sobre a interpretación bíblica. Para analizar a identidade relixiosa realizamos unha esexese dos textos de San Paulo, coas achegas doutros autores, na que apreciamos o rumbo da súa particular interpretación da mensaxe cristiá que marcará a liña esexética da escola paulina. No capítulo IV profundamos na hermenéutica filosófica e a esexese bíblica, prestando atención á relación entre hermenéutica e fe, estudada por Ricoeur, así como á cuestión da esexese como problema filosófico e a hermenéutica do testemuño. Tratamos no capítulo V o tema da interpretación mítica, simbólica e metafórica na Biblia, desde o mito adámico, os símbolos, as nocións de pecado, culpa e perdón -construídas a través de símbolos e outras figuras da linguaxe-, e a hermenéutica metafórica de Ricoeur. Por último, no capítulo VI exponse a hermenéutica da creación bíblica, tamén a través da arte inspirada nos textos da Biblia a partir da teoría hermenéutica de Ricoeur. Con esta tese non só realizamos un estudo da teoría hermenéutica e esexética de Ricoeur senón un exercicio de aplicación actual, fieis ao espírito defendido por Ricoeur de pensar a partir da súa obra.