O amor que eu levei de Santiagoroteiro da lírica medieval galego-portuguesa, Área de Santiago de Compostela
- Frateschi Vieira, Yara
- Morán Cabanas, María Isabel
- Souto Cabo, José Antonio
Publisher: Toxosoutos
ISBN: 978-84-15400-30-1
Year of publication: 2011
Type: Book
Abstract
Nos séculos XII e XIII, era determinante o papel de Santiago de Compostela como centro relixioso, político e cultural, funcionando a cidade non só como polo de atracción para as correntes intelectuais e artísticas prevalecentes na Europa, mais tamén como punto de difusión desas mesmas tendencias ou doutras que alí terían encontrado o seu berce. Non é de estrañar que unha boa parte dos trobadores cuxa produción se encontra recollida nos Cancioneiros galego-portugueses estea, dalgunha forma, con ela relacionada. Así, os trobadores máis antigos, unidos entre si por lazos familiares ou por nexos sociais vinculativos, que os caracterizan como un grupo fortemente cohesionado e solidario, remiten a liñaxes poderosas no contexto galego da época: entre elas, ten papel preponderante a estirpe dos Traba, mais hai outras igualmente importantes que lle están asociadas, como os Vélaz, Limia, Celanova-Toroño, Cabrera e Urgell. Con ramificacións e alianzas que se estenden aos outros reinos da Península, esas familias ligábanse intimamente tamén aos círculos do poder real e eclesiástico, con presenza marcante inclusive na comunidade relixiosa do arcebispado de Santiago. Os Cancioneiros rexistran as composicións doutros trobadores pertencentes a liñaxes nobres con propiedades fóra da terra de Santiago, mais que, en gran parte, posuían casas en Compostela, que servirían, dada a importancia política e cultural da cidade, como centro aglutinador para as suas respectivas cortes. En fase mais avanzada, quando xa se implantara o modelo transpirenaico e tiñan cristalizado os trazos que irían demarcar a lírica galego-portuguesa, organizáronse certas compilacións de cantigas, posteriormente integradas nos Cancioneiros xerais, cuxos autores eran clérigos ou xograis galegos, respectivamente. O roteiro que presentamos está dirixido en principio ao visitante non especialista. Dividimos os trobadores en dous grupos: o primeiro é constituído por autores que fan algunha mención a Santiago de Compostela na sua produción; o segundo inclúe trobadores que se ligan a esta área xeográfica por documentación histórico-biográfica, ainda que non fagan directamente referencia a esta nas súas cantigas.