Covalent organic helical cagesdesign, synthesis, and applications based on molecular recognition

  1. Míguez Lago, Sandra
Dirigida por:
  1. José Lorenzo Alonso Gómez Director/a
  2. María Magdalena Cid Fernández Directora

Universidad de defensa: Universidade de Vigo

Fecha de defensa: 20 de diciembre de 2016

Tribunal:
  1. Francisco Javier Sardina López Presidente
  2. María Nuria Sotomayor Anduiza Secretario/a
  3. Eurico José da Silva Cabrita Vocal

Tipo: Tesis

Teseo: 440653 DIALNET

Resumen

As caixas moleculares poden ser definidas como moléculas cunha cavidade permanente co tamaño, forma, e funcionalidades adecuadas para interaccionar con unha ou mais moléculas hóspede (guest), dando lugar a unha ampla variedade de aplicacións. Atendendo ás interaccións que manteñen as partes constituíntes das devanditas caixas unidas, atopámonos con diferentes tipos de caixas moleculares (Figura 1). As caixas supramoleculares, cuxos constituíntes se atopan unidos por enlaces febles, tales coma enlaces de hidróxeno ou halóxeno, interaccións π−π en tódalas súas modalidades, forzas de Van der Waals, interaccións dipolo−dipolo, etc, presentan a desvantaxe de non seres moi estables, feito que as favorece noutros aspectos ó mesmo tempo. Exemplos de caixas supramoleculares son as reportadas por Rebek e colaboradores. As caixas covalentes, dentro das cales nos atopamos coas metalorgánicas e as puramente orgánicas, son, con todo, mais estables, xa que os seus enlaces constitutivos son mais fortes. As metalorgánicas, entre as cales se atopan os exemplos das caixas de Fujita e colaboradores, son vastas na bibliografía, mais teñen a desvantaxe de seres lábiles, característica típica dos enlaces metal−non metal. Por outra banda, as caixas covalentes puramente orgánicas presentan grande estabilidade. A pesar disto, unha das correntes químicas nas que se reportaron un grande número de exemplos de caixas puramente orgánicas é a química dinámica covalente, na que as especies formadas se atopan en equilibrio cos produtos de partida. Dita técnica permitiu a síntese de caixas covalentes a gran escala, o que permitiu a súa aplicación en campos tan diversos coma o encapsulamento de gases de efecto invernadoiro, formación de fases estacionarias quirais para a separación de racematos, e detección de outras moléculas en sensores. Pese a abundancia de caixas orgánicas en literatura, as caixas quirais atópanse en minoría con respecto do resto debido á dificultade no manexo de compostos quirais, ben por problema de racemización, ben pola tediosa separación de diastereómeros que conleva. A súa escaseza, xunto a súa grande aplicabilidade, fanas un obxectivo moi interesante. a) b) c) Figura 1. a) Pelota de tennis de Rebek unida por enlaces de hidróxeno. b) Caixa metalorgánica de Fujita. c) Caixa covalente de Wang con molécula de SF6 no seu interior. Os compostos quirais son aqueles que non son superpoñibles coa súa imaxe especular. A natureza está chea de exemplos de moléculas e macromoléculas quirais, tales coma o ADN e as proteínas, entre outras. A orixe desta homoquiralidade na natureza non é clara, mais si se sabe como introducila ou recoñecela en calquera molécula. Tradicionalmente esta ven dada pola presenza de centros quirais, mais tamén pode ser debida á presenza de eixos ou planos quirais (Figura 2). A quiralidade axial é aquela presente en moléculas coma os alenos, espiranos, ou diarilos adecuadamente substituídos. a) b) c) Figura 2. Representación esquemática de a) Centro quiral. b) Eixos quirais. c) Planos quirais. Os alenos posúen dous dobres enlaces contiguos nun arranxo lineal, cun átomo de carbono central con hibridación sp e ámbolos dous pares de substituíntes xacendo en planos ortogonais. Os dous posibles enantiómeros denótanse cos descriptores P e M (Figura 3). Os alenos atópanse en produtos naturais e farmacéuticos de diversa índole, e o método de síntese mais comunmente empregado destes é a substitución de compostos proparxílicos. a) b) Figura 3. Exemplo de nomenclatura dun par de enantiómeros de aleno quirais. a) Configuración (M). b) Configuración (P). Un exemplo de aleno quimicamente estable e ríxido é o ditertbutildietinilaleno (DEA), o cal foi empregado na síntese de polímeros, macrociclos e caixas moleculares con propiedades quirópticas notorias (Figura 4). Ditas propiedades son comunmente medidas empregando técnicas espectroscópicas, entre as que cabe destacar o dicroismo circular electrónico (ECD), baseado na interacción dunha luz circularmente polarizada coa molécula quiral en cuestión. Aquí a luz UV circularmente polarizada á dereita e á esquerda é absorbida de xeito diferente, dando lugar a unha sinal que se converte nun espectro que representa a elipticidade fronte á lonxitude de onda. Un xeito de medir a intensidade desta resposta quiróptica é o cálculo do factor de disimetría (g-factor), como Δε/ε, con valores entre 0 e 1, que está directamente relacionado coa rixidez estrutural da molécula en cuestión. a) b) c) d) Figura 4. a) Oligómeros de aleno cíclicos (abaixo) e acíclicos (arriba). b) Primeiro alenofano reportado por Krause e colaboradores. c) Caixa metalorgánica reportada por Diederich e colaboradores. d) Alenofano formando un complexo de inclusión cun diiodoperfluoroalcano reportado por Cid e colaboradores. Dada a habilidade para o recoñecemento molecular que presentan as caixas moleculares así coma a abundancia de analitos quirais de interese, postúlase o desenrolo de caixas moleculares quirais para a súa aplicación en sensores coma unha meta para a comunidade científica. Para seres aplicables no mundo da sensóricas ditas caixas moleculares deben ser estruturalmente ríxidas, evitando a diminución da sinal polo promediado conformacional. Os poliedros son figuras xeométricas formadas por caras planas que definen un volume constante, dos cales atopamos exemplos coma as cápsides de virus, os paneis das abellas e a cuberta dos carboxisomas na propia natureza. Un caso particular de poliedros son os n-prismas, os cales se poden converter en xeometrías quirais pola introdución dun xiro entorno ó seu eixo de maior grao (Esquema 1). Esquema 1. De esquerda a dereita: N-prismas trigonais e hexagonais con N o número de lados. En vermello os prismas pertencentes ó grupo aquiral Dnh e en verde os prismas pertencentes ó grupo Dn. Vista lateral (arriba) e vista superior (abaixo). Ademais, ó posuíren eixos C2 poden ser construídos a través da dimerización de dúas metades idénticas. Isto lévanos a propoñer o deseño de caixas moleculares quirais ríxidas en forma de prismas torcidos, onde a súa síntese se leva a cabo empregando un proceso de dimerización, concretamente do membro mais sinxelo desta familia, o prisma de base triangular. Coma tapas do prisma empregaranse moléculas planas de simetría C3 ás que se acoplarán tres partes axialmente quirais, que darán lugar ós vértices (Figura 5). Figura 5. Representación esquemática da estratexia sintética para construír caixas moleculares quirais. A síntese de ditas caixas moleculares en forma de prisma trigonal torcido pode levarse a cabo a partir do elemento axialmente quiral racémico, seguido da separación dos correspondentes diastereómeros ou ben empregando o enantiopuro, previa resolución quiral. Trala análise da formación dos posibles diastereómeros no caso particular de empregar DEAs como elementos axialmente quirais e un núcleo bencénico trisubstituído para dar a caixa molecular 1H (Esquema 2), o que deu lugar á formación de 16 configuracións diferentes onde 2 son aquirais (non útiles) e 14 quirais, con poboacións relativas calculadas estatisticamente moi similares, decidiuse que o custo de separar ditos enantiómeros sería maior que empregalos de xeito enantiopuro (Figura 6). Esquema 2. Esquema retrosintético de (P,P)3-1H. (P,P,P−P,P,P)-1a (1.56%) // (M,M,M−M,M,M)-1e (1.56%) D3 Quiral (P,P,P−M,M,M)-1b (3.12%) C3h aquiral (P,P,P−P,P,M)-1c (9.38%) // (M,M,M−M,M,P)-1f (9.38%) C1 Quiral (P,P,P−M,M,P)-1d (9.38%) // (M,M,M−P,P,M)-1g (9.38%) C1 Quiral (P,P,M−P,P,M)-1h (4.69%) // (M,M,P−M,M,P)-1n (4.69%) C2 Quiral (P,P,M−M,P,P)-1i (4.69%) // (M,M,P−P,M,M)-1o (4.69%) C2 Quiral (P,P,M−P,M,P)-1j (4.69%) // (M,M,P−M,P,M)-1p (4.69%) C2 Quiral (P,P,M−P,M,M)-1k (9.38%) // (M,M,P−M,P,P)-1l (9.38%) C1 Quiral (P,P,M−M,M,P)-1m (9.38%) Cs Aquiral Figura 6. Vista superior das 16 posibles configuracións xunto cos seus respectivos grupos puntuais. Núcleos bencénicos en gris, alenos (P) en azul e alenos (M) en vermello. Hidróxenos omitidos e tertbutilos reemprazados por metilos para maior claridade. Tralo deseño de xeito teórico das caixas moleculares de interese, levouse a cabo o estudo dos guests apropiados para levar a cabo complexacións coas mesmas. Para iso fixéronse simulacións de dinámica molecular onde se medía a formación e estabilidade de diferentes complexos entre a caixa molecular proposta e diferentes guests planos de simetría C3. Observouse que derivados de trifenileno contendo aminas daban lugar a complexos estables, e que a estabilidade melloraba a maior carga positiva do guest. Como traballo secundario estudouse a formación de redes 2D a partires de complexos contendo unha caixa e un trifenileno substituído con tres grupos amino e tres grupos amonio, onde ións cloruro actuaban coma contraións nunha rede hexagonal (Figura 7). Figura 7. Captura de pantalla da simulación de dinámica molecular con agregados de 5, 6 e 7 membros salientados en amarelo. Esquelete das caixas en vermello. Guests e linkers: C en azul claro, N en azul escuro, H en branco e Cl en verde. Para constatar a validez da metodoloxía proposta na síntese de caixas moleculares helicoidais, proponse como primeiro obxectivo a síntese da caixa molecular (P,P)3-1H, composta por dous núcleos de benceno trihalosubstituídos e seis unidades enantiopuras alénicas. Para isto lévase a cabo en primeira instancia unha reacción de acoplamento cruzado de Sonogashira das citadas partes constitutivas en presenza dun catalizador de Pd, un cocatalizador de Cu e unha amina, para dar lugar ó produto triacoplado (P,P,P)-2H nun 80% de rendemento no mellor dos casos. Obsérvase mellora do rendemento no paso de Br a I como halóxeno sobre o núcleo bencénico, así coma no incremento da voluminosidade da amina e a reactividade do catalizador de Pd. O seguinte paso consiste na desprotección en medio básico dos grupos 2-hidroxipropilo protexendo os alquinos, para dar o composto tridesprotexido (P,P,P)-3H nun 90% de rendemento. Por último, o homoacoplamento catalizado por Cu de dúas moléculas de (P,P,P)-3H en condicións de Breslow en réxime de pseudoalta dilución conseguida cunha adición lenta do reactivo dá lugar á caixa molecular (P,P)3-1H nun 55% de rendemento no mellor dos casos. Obsérvase que a velocidade de adición é un factor clave na formación do produto en bo rendemento. Esquema 3. Esquema sintético de (P,P)3-1H. (P,P)3-1H, así coma o seu enantiómero (M,M)3-1H, foron totalmente caracterizados por RMN de 1H, 13C, HSQC e HMBC, asignando todas e cada unha das sinais do espectro. Tamén por espectroscopías IR, UV-Vis, ECD, onde se observou unha resposta quiróptica notoria presentando grande amplificación quiral con respecto á suma de seis unidades de aleno, cun g-factor de 0.006. Ademais empregouse na caracterización espectroscopía de masas HR-MALDI-MS, e obtívose un cristal apropiado para a súa medida por Raios-X, onde se observou unha estrutura sen poros nin canles accesible cunha cela unidade formada por dúas moléculas de caixa (Figura 8). Figura 8. Representación elipsoidal da cela unidade da estrutura cristalina de (M,M)3-1H. Acto seguido sintetizáronse e probáronse as complexacións con (P,P)3-1H por medio de valoracións por RMN 1H sumado ó tratamento de datos de Benesi-Hildebrand algúns dos guests derivados dos estudos de dinámica molecular, con cores bencénicos e trifenilénicos, entre os cales destacan o trietinilbenceno (TEB), trifluorotriiodobenceno (BzF3I3), trifenileno (TP), hexaaminotrifenileno asimétrico (HATP-Asym) e simétrico (HATP-Sym), hexahidroxitrifenileno (HHTP), e hexametoxitrifenileno (HMeOTP). So BzF3I3 deu resultados positivos, cunha constante de asociación (Ka) de 9 M−1. Dito resultado racionalizouse en función dos coeficientes de empaquetamento do guest dentro do volume calculado da cavidade da caixa, atendendo á súa adecuación á regra do 55% de Rebek, así coma atendendo ó seu carácter electrónico calculado e representado cun mapa de potencial electrostático mapeado sobre a densidade electrónica (Figura 9). Desta análise desprendeuse a conclusión de que a apetencia de dita caixa molecular é maior por guests electronicamente deficientes coma o BzF3I3. O seguinte paso sería a busca de guests con capacidade de interaccionar con ambalasdúas caras internas da caixa a través de interaccións π−π. Figura 9. Representación do mapa de potencial electrostático (MEP) mapeado sobre a superficie de densidade electrónica do núcleo de 1H e dos guests testados con Gaussian 09 ó nivel de teoría B3LYP/6-31G(d), excepto para BzF3I3 que se empregou B3LYP/LanL2DZ (isovalor = 0.020, densidade = 0.00040). Escala de cor: vermello indica riqueza electrónica e azul indica pobreza electrónica. Outro xeito de mellorar a complexación cos guests é variar o carácter electrónico dos núcleos aromáticos da caixa. Por iso se propón a síntese de caixas que posúan como núcleos bencenos triplemente metilados (mais rica en electróns, (P,P)3-1Me), triplemente fluorados (mais pobre en electróns, (P,P)3-1F), e un núcleo de triazina (moi pobre en electróns, (P,P)3-1N) (Figura 10). Figura 10. Estrutura das caixas moleculares 1Me, 1F, e 1N (arriba). MEP dos núcleos das citadas caixas moleculares (abaixo). Vermello indica riqueza electrónica e azul pobreza electrónica. A síntese de (P,P)3-1Me comeza coa triple iodación do mesitileno nun 72%, seguido do triple acoplamento de Sonogashira do DEA co 1,3,5-triidomesitileno para dar o produto triacoplado (P,P,P)-2Me nun 56%. Dita diminución no rendemento do acoplamento explícase pola riqueza do núcleo bencénico, que desfavorece a adición oxidante na primeira etapa da Sonogashira. O seguinte paso é a desprotección de (P,P,P)-2Me en medio básico para dar (P,P,P)-3Me nun 34% de rendemento, seguido do seu homoacoplamento baixo condicións de Breslow para dar (P,P)3-1Me nun 32%. Esta caixa amosa unhas propiedades quirópticas da orde das da anterior, cun g-factor de 0.004 (Figura 11). Figura 11. Espectro de absorción (panel inferior) o de(P,P)3-1Me (liña negra sólida) e (P,P)3-1H (liña negra punteada), e espectro de ECD (panel superior) de (P,P)3-1Me (liña vermella sólida), (P,P)3-1H (liña vermella punteada), (M,M)3-1Me (liña azul sólida), e (M,M)3-1H (liña azul punteada) en CHCl3 a aproximadamente 10−5 M. En base ós resultados de complexación obtidos para (P,P)3-1H cos guests planos decidiuse probar a cambiar os guests por compostos sándwich ou paraciclofanos na complexación con (P,P)3-1H e (P,P)3-1Me. Entre os guests atópanse o ferroceno (Fc), o ferrocenio (Fc+), o cobaltocenio (Cob+), o rutenocenio (Rut+), o [2.2]paraciclofano (PCP) e o 4,5,7,8,12,13,15,16-octafluoro [2.2]paraciclofano (PCP-F8), onde os catiónicos se atopan balanceados polo contraión PF6−. Os valores de Ka atópanse reflectidos na Táboa 1. Fc Fc+ Cob+ Rut+ PCP PCP-F8 (P,P)3-1H n/c[c,d] 22[c] 16[c] 29,[c] 50[d] n/c[c] n/a (P,P)3-1Me n/a n/a 296[d] 905[d] n/a 43[d] Táboa 1. Constantes de asociación (Ka) e estructura dos guests probados nos estudos de complexación. Ferroceno (Fc), ferrocenio hexafluorofosfato (Fc+), cobaltocenio hexafluorofosfato (Cob+), η5 ciclopentadienil-η6-naftalenorutenio (III) hexafluorofosfato (Rut+), [2.2]paraciclofano (PCP), e 4,5,7,8,12,13,15,16-octafluoro [2.2]paraciclofano (PCP-F8). A táboa de Ka (M−1) amósase para ambos [(P,P)3-1H@guest] e [(P,P)3-1Me@guest]. [c] Disolvente = acetona-d6. [d] Disolvente = diclorometano-d2. n/c = non se observa formación do complexo. n/a = dato non dispoñible. Tendo en conta factores puramente estéricos, presuponse que os guests PCP, Rut+, e PCP-F8 serían os mais apropiados para a complexación coas caixas (P,P)3-1H e (P,P)3-1Me. Pola contra, Rut+ é o único dos tres que dá unha constante de asociación elevada, preto de 500 M−1, o que deixa ver a prevalencia do carácter electrónico fronte á compoñente estérica (Figura 12). Figura 12. MEP de: a) núcleo de (P,P)3-1H; b) núcleo de (P,P)3-1Me; c) PCP; d) PCP-F8; e) Fc; f) Fc+; g) Cob+; h) Rut+. Escala de cor: vermello indicando rexións ricas en electróns e azul pobres. GaussView 5.0.8 (Isovalor = 0.0100, densidade = 0.00400). A elevada constante de asociación para (P,P)3-1Me@Rut+ permitiu que este complexo fose detectado por medio dunha valoración por ECD (Figura 13). Figura 13. ECD inducido para a complexación [(P,P)3-1Me@Rut+] con 30 eq (liña negra), 25 eq (vermella), 17 eq (verde) e 8 eq (azul) de Rut+ en DCE, obtido pola resta de ECD de [(P,P)3-1Me@Rut+] ó de (P,P)3-1Me. Esta diferencia é atribuída á formación de [(P,P)3-1Me@Rut+]. Tanto no caso de (P,P)3-1F coma no de (P,P)3-1N, previa á síntese con aleno, empregouse no seu canto acetileno protexido co acetónido (grupo 2-hidroxipropilo) ou acetileno protexido con trimetilsililo (TMS) noutros casos. No caso da caixa molecular fluorada (P,P)3-1F, a súa síntese tentouse por dúas vías, empregando o aleno anteriormente citado, así coma outro racémico protexido cun grupo triisopropilsililo (TIPS) no canto do 2-hidroxipropilo. No mellor dos casos, co aleno protexido con 2-hidroxipropilo, obtívose o produto triacoplado (P,P,P)-2F nun 90% de rendemento, seguida da desprotección para dar o produto tridesprotexido (P,P,P)-3F nun 62%. O homoacoplamento de dúas moléculas de (P,P,P)-3F en condicións de Breslow para dar (P,P)3-1F non tivo lugar en ningún dos casos, observándose trazas de produtos correspondentes ó peche intramolecular de dúas ramas de (P,P,P)-3F. No relativo á caixa con núcleo de triazina (P,P)3-1N, no primeiro paso foron empregadas condicións de Negishi, dada a incompatibilidade do cloruro cianúrico cos reactivos tipicamente empregados nas condicións de Sonogashira. Tamén se empregou o aleno racémico protexido con TIPS, para evitar posible reacción do cloruro cianúrico co alcol terciario do grupo protector 2-hidroxipropilo. Neste caso nin o acoplamento de Negishi deu bos resultados, polo que se propoñen condicións de Stille como alternativa en traballos futuros. Á vista dos resultados obtidos nas complexacións de (P,P)3-1Me cos compostos sándwich, dos que se coñece a súa actividade redox, pensouse no deseño de caixas moleculares que combinaran propiedades quirópticas e redox ó mesmo tempo, que permitiran oxidar e reverter ó seu estado de oxidación inicial xogando coa aplicación dun potencial dado. Os triangulenos, moléculas triangulares altamente conxugadas formadas pola fusión de seis aneis bencenoides, son especies redox−activas. Especificamente, aquelas que conteñen un átomo interno de nitróxeno, coñecidos como N-heterotriangulenos, foron amplamente investigados. Deles sábese que son facilmente oxidados á súa forma catión−radical. Ditos compostos son derivados planos da trifenilamina, moi empregado polas súas propiedades de absorción e emisión. Os seus análogos ponteados son empregados como transportadores de ocos, debido á mellor comunicación entre aneis aromáticos, e deron lugar a aplicacións tales como celas solares sensibilizadas por colorantes (DSSCs), diodos orgánicos emisores de luz (OLEDs), transistores orgánicos de efecto campo (OFETs), formación de fibras e superficies 2D mímicas do grafeno dopado, e formación de macrociclos útiles como interruptores moleculares. Ditas plataformas xa tiñan sido estudadas en reaccións de acoplamento cruzado con éxito, o que nos permitiu empregalas coa metodoloxía proposta na síntese de caixas moleculares. Concretamente, na síntese das caixas moleculares (M,M)3-1TCO e (M,M)3-1TMe (Esquema 4), contendo triangulenos ponteados con grupos carbonilo (deficiente en electróns) e dimetilmetileno (rico en electróns) respectivamente (Figura 14). Esquema 4. Esquema retrosintético das caixas de trianguleno (M,M)3-1TCO e (M,M)3-1TMe. Figura 14. MEP dos cores de (M,M)3-1TCO e (M,M)3-1TMe á nivel de cálculo B3LYP/6-31Gd. A reacción de acoplamento cruzado de Sonogashira entre DEA e o N-heterotrianguleno carbonilado triiodado TCOI3 deu lugar ó produto triacoplado (M,M,M)-2TCO nun 70%. Durante a súa caracterización fixéronse medidas de voltametría cíclica, amosando dous potenciais cuase reversibles a −1.45 e −1.52 V en diclorometano fronte ó par Fc/Fc+. Desafortunadamente, o composto presenta un espectro de ECD totalmente plano, co que se supón que o core deficiente en electróns racemizou os alenos enantiopuros. A pesar diso levouse tamén a cabo a desprotección en medio básico de (M,M,M)-2TCO para dar (M,M,M)-3TCO nun 12%. O homoacoplamento en condicións de Breslow de dúas moléculas de (M,M,M)-3TCO para dar a caixa molecular non tivo lugar. No caso da caixa molecular (M,M)3-1TMe, a síntese comezou co acoplamento cruzado en condicións de Sonogashira de DEA co núcleo de N-heterotrianguleno ponteado con dimetilmetilenos e triiodado para dar (M,M,M)-2TMe nun 46%, seguido de desprotección en medio básico para dar (M,M,M)-3TMe nun 98%, e o homoacoplamento en condicións de Breslow para dar (M,M)3-1TMe nun 30%. Cabe salientar da caracterización de (M,M)3-1TMe a diferenciación observada dos metilos ponte do trianguleno apuntando cara o interior e o exterior da caixa molecular, así como a diferenciación dos hidróxenos aromáticos pola presenza dun ambiente quiral próximo, denotada polo desdobramento de sinais de RMN de 1H e 13C. Ademais, neste caso a quiralidade consérvase, presentando a caixa unha resposta quiróptica notable medida por ECD, cun g-factor de 0.007, o maior das caixas presentadas neste manuscrito. Para comprobar a dispoñibilidade do par electrónico solitario sobre o nitróxeno da caixa fíxose unha valoración ácido-base con ácido trifluoroacético (TFA), observándose un aumento progresivo na intensidade do espectro de absorción coa adición sucesiva de TFA, ata os 492 equivalentes, tralo cal se observa unha caída repentina das bandas e se apreza unha coloración azulada na disolución e turbidez. Por outra banda o ECD da mestura vai perdendo intensidade ata desaparecer, co que se supón que se racemizan os alenos. O ECD non se recupera trala adición dunha base indicando un proceso irreversible. Como conclusión, diremos que no presente manuscrito se desenrolou o deseño de caixas moleculares covalentes orgánicas helicoidais con forma de prisma triangular torcido baseadas no acoplamento entre núcleos aromáticos planos de simetría C3 e ditertbutildietinilalenos (DEAs). A metodoloxía sintética está baseada nun triple acoplamento cruzado entre o núcleo e os DEAs, seguido dunha posterior desprotección, e homoacoplamento catalizado por Cu. Leváronse a cabo ademais estudos de dinámica molecular (MD) para elucidar os guests plausibles na complexación coas caixas moleculares propostas, xunto co desenrolo dunha estratexia para a formación de redes 2D a partires da ensamblaxe de caixas moleculares helicoidais. Acadouse con éxito a síntese das caixas moleculares contendo seis DEAs e como núcleos o benceno trisubstituído ((P,P)3-1H), mesitileno ((P,P)3-1Me), e un N-heterotrianguleno con pontes dimetilmetileno ((M,M)3-1TMe). (P,P)3-1H amosou unha grande amplificación quiral con respecto á suma de seis unidades alénicas. (P,P)3-1Me deu lugar á complexación de diferentes compostos sándwich, entre os cales cabe destacar o Rut+, que foi detectado por medio de espectroscopía ECD. Finalmente a caixa molecular (M,M)3-1TMe ofrece a posibilidade de combinar as súas propiedades quirópticas coas súas propiedades redox. Todos estes avances no mundo do recoñecemento molecular abren as portas á mellora dos sensores empregando a quiralidade como motivo director do recoñecemento.