A fuxida do PortiñoHistoria, memoria e vítimas
- Velasco Souto, Carlos F.
- Pereira, Dionisio
- Grandío Seoane, Emilio
- Fernández Fernández, Eliseo ed. lit.
Editorial: A Nosa Terra
ISBN: 978-84-8341-306-7
Ano de publicación: 2009
Tipo: Libro
Resumo
A Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e a editorial A Nosa Terra publican un estudo sobre un dos acontecementos máis destacados do período da guerra civil en Galicia que, ao tempo, é tamén un dos máis descoñecidos, a fuxida por mar dos mariñeiros do Portiño. Foi un deses acontecementos que quedaron na retina do pobo e ao que nunca se lle deu a importancia que en realidade tivo. En 1937 un grupo de perseguidos tenta escapar das gadoupas do novo réxime a través do mar, tal como fixeran moitos desde o mesmo 18 de xullo de 1936. O presente estudo, no que colaboran especialistas de primeiro orde, amósanos como se fraguou, e o que aconteceu con eses individuos. Un importante grupo de activistas sindicais e políticos foi masacrado na Coruña de 1937. Como tantos outros militantes obreiros, tentaban fuxir do terror imposto polos militares alzados contra a República. Froito dun riguroso traballo dun grupo integrado por Carlos Velasco, Dionisio pereira, Emilio Grandío e Eliseo Fernández, é esta unha investigación que circula por dous camiños ben diferenciados. Un deles é afondar no feito concreto da tentativa de fuxida dos sindicalistas e tamén no sanguento proceso represivo desatado que levou á morte de 19 persoas nun exemplo do exterminio aberto cos homes máis destacados do movemento obreiro galego. O outro, incide nunha visión xeral do momento histórico no que se produciron os feitos e mesmo da situación que se derivou de todo o proceso represivo aberto co golpe militar do 36 en Galiza e na Coruña en particular.