A industria dos coiros en Galiciahistoria e patrimonio

  1. OTERO EIRIZ, CLAUDIO
Dirigida por:
  1. Xán Carmona Badía Director

Universidad de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 04 de julio de 2017

Tribunal:
  1. Alberte Martínez-López Presidente/a
  2. María do Carme Espido Bello Secretaria
  3. María Pilar Biel Ibáñez Vocal
Departamento:
  1. Departamento de Economía Aplicada

Tipo: Tesis

Resumen

As fábricas de curtumes constituíron durante o século XIX, a carón das que elaboraban sardiña salgada, a única especialización non agraria da economía galega. Chegaron a representar máis da cuarta parte da produción española do sector e tiveron un amplísimo esparexemento polo territorio, de xeito que un de cada catro concellos contou como mínimo con algún curtidoiro e case que todas as comarcas tiveron estabelecementos desta caste. Desde a década de 1880 o sector foi incapaz de adaptarse a riola de mudanzas na tecnoloxía e nos mercados que se producen por aqueles anos. Como resposta a eles, especializouse nas producións mais tradicionais (o alcumado “curtido antigo”), encetando unha orientación cara nichos de mercado igualmente tradicionais aos que ligou a súa sorte. Estes nichos foron, pola súa volta, esmorecendo até que a crise da agricultura tradicional e a transformación dos hábitos de consumo de calzado volveunos irrisorios. Dos máis de 170 estabelecementos fabrís que existían a remates dos anos 1950, trinta anos máis tarde quedaban só 11. A tecnoloxía utilizada nos curtidoiros era moi simple, a dimensión media das empresas moi pequena e a ausencia de monumentalidade era unha característica común ás construcións do sector. Malia todo isto, a cantidade e o esparexemento dos curtidoiros por todo o territorio fixeron que as pegadas da industria sexan hoxe numerosas e representativas e que constitúan unha parte relevante, até agora sen catalogar, do patrimonio industrial de Galicia, traballo este último que constitúe unha das aportacións desta tese. Da realización e estudo desta catalogación dedúcese que as características construtivas dos curtidoiros diferenciáronse pouco das das casas tradicionais galegas ergueitas polos mesmo canteiros, albaneis e carpinteiros que empregaban en ambos casos os materiais que ofertaba o territorio, na parte occidental do país granito e tella e na parte oriental xisto e lousa, que nun e noutro caso se completaba con madeira de castiñeiro e carballo tanto para o tellado coma para o sobrado. Estes curtidoiros tiñan unha organización interna moi semellante entre si, cinguida as principais fases do proceso de transformación dunha pel nun coiro, no que se diferenza o lavadoiro, a zona de curtir e a zona da remata. Tres son os elementos patrimoniais que singularizan a un curtidoiro, os píos de perpiaño duns tres metros cúbicos, tanto para lavar as peles coma para curtilas, o muíño de esmagar a casca turrado por cabalaría e os secadoiros de coiros, completados nuns poucos casos por grandes chemineas que dotan aos edificios dunha verdadeira fasquía industrial. Con estas características construtivas comúns, os tamaños e a importancia dos curtidoiros son moi variados. De resultas da análise dos 241 casos estudados dedúcense tres tipoloxías arquitectónicas distintas, que en xeral teñen correlación coa importancia do estabelecemento e con un progresivo afastamento do modelo de casa tradicional. Estes tres tipos son: a fábrica casa (traza indiferenciada a respecto dunha vivenda normal), a fábrica nave (local cunha dimensión algo maior e afastado da aldea) e a fábrica fechada (edificios especializados fechados por todos os seus lados, ao menos por tres). Da aplicación dunha metodoloxía cuantitativa de valoración de restos industriais resulta que un mínimo de nove dos vestixios dos curtidoiros galegos merecerían a cualificación de Bens de Interese Histórico-Industrial e outros tres quedarían perto de tal categoría. Algúns deles xa foron dun ou doutro xeito rehabilitados e dedícanse hoxe a usos diversos basicamente de carácter museístico e turístico, cunha, aínda que ampla, non completa coincidencia entre os edificios reutilizados e os de maior interese patrimonial. Allariz, un dos antigos centros do traballo do coiro en España, destaca por riba de todos os demais núcleos polo número de intervencións de éxito e polo coidado con que estas foron desenvolvidas. O éxito -mesmo económico- destas intervencións debería animar a outras semellantes, dentro e fóra do eido que neste traballo nos ocupa- así coma ás Administracións a unha maior utilización das figuras de protección ao patrimonio industrial. A recente Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, que singulariza por primeira vez a categoría de “Patrimonio Industrial”, pode ser unha boa base de partida, mais para que desta base se chegue a bo porto é preciso un esforzo máis decidido na catalogación, estudio e protección deste tipo de bens culturais.