Os animais vistos polos galegosanálise das expresións galegas que retratan o mundo animal
- González Pereira, Andrea
- María Álvarez de la Granja Director
Universidade de defensa: Universidade de Vigo
Fecha de defensa: 27 de setembro de 2017
- Ernesto Xosé González Seoane Presidente
- Xosé Antonio Fernández Salgado Secretario/a
- María-Dolores Sánchez-Palomino Vogal
Tipo: Tese
Resumo
A presente tese realiza un estudo de 1317 expresións figuradas galegas que teñen como referentes os animais. Destas, 264 son expresións monoverbais (cabalón), 257 locucións non comparativas (coller o porco polo rabo), 575 locucións comparativas ([humilde] coma unha ovella), 180 refráns (o can vello, se ladra, dá consello), 27 fórmulas ((e) a burra déitase!) e 14 dialoxismos (díxolle o corvo á pega : bótate alá/saca para alá, que es negra!). O obxectivo principal desta investigación é saber cal é a visión ou concepto que teñen os galegos daqueles animais que funcionan como referentes das expresións figuradas que eles mesmos empregan, polo que se pretende dar luz sobre aquelas características que os galegos resaltan dos animais para expresar de xeito figurado diferentes conceptos. Para levar a cabo este obxectivo empréganse dúas vías de investigación: a extracción de expresións figuradas que se forman con referentes animais dunha serie de obras lexicográficas (xerais e especializadas en fraseoloxía) da lingua galega; e a realización de 300 enquisas orais e electrónicas. A través da análise destas 1317 expresións figuradas compróbase que os galegos empregan os referentes animais para vehicular valores maioritariamente negativos e, en menor medida, tamén neutros e positivos. Percíbese que son máis numerosas as expresións que portan valores referidos ó carácter ou condición do animal, de xeito que os galegos reparan, en primeira instancia, no comportamento dos animais que viven ó seu redor e crean expresións figuradas que os axudan a conceptualizar realidades frecuentemente abstractas a partir da súa interpretación daquel. En segunda instancia detéctanse expresións figuradas que teñen como referentes as características físicas que os galegos destacan dos animais, as relacións que se dan entre o ser humano e o animal e entre os animais; e, por último, a valoración pouco concreta do animal. Os animais empregados polos galegos como referentes das expresións figuradas son, sobre todo, os que están próximos ó eido doméstico, posto que se fixan nas realidades máis próximas e coñecidas para conceptualizar distintos aspectos da súa vida diaria. Así e todo, tamén teñen presenza nestas expresións os animais salvaxes e, en menor medida, os exóticos. A comparativa dos valores portados polos cinco grupos de animais máis representativos do corpus nas expresións figuradas analizadas (can, cadela; gato, gata; burro, burra; boi, vaca, becerro, cuxo, xato, xovenco, touro e lobo, loba) coas respostas das enquisas orais e electrónicas mostra que, de xeito xeral, a valoración que fan os galegos destes animais concorda coa recollida, de forma máis directa, nas enquisas realizadas. Así e todo, rexístranse nestas últimas algunhas oposicións semánticas con respecto ós valores tirados da análise das expresións figuradas, que responden a unha interpretación diferente dos animais propiciada, na maior parte das ocasións, pola desruralización e o cambio nas súas condicións de vida e na súa relación cos seres humanos. A tese estrutúrase en 9 capítulos e 5 anexos. O capítulo 1 está dedicado á presentación do tema e á descrición dos obxectivos que se perseguen coa investigación. O capítulo 2 céntrase no desenvolvemento dos conceptos teóricos sobre o coñecemento e estudo da linguaxe figurada, e máis concretamente sobre a linguaxe figurada con referentes animais. O capítulo 3 está dedicado á explicación da metodoloxía de traballo, estruturado en cinco apartados: criterios de selección das expresións tiradas de fontes escritas, as enquisas, o tratamento informático dos datos, criterios de presentación das expresións no corpus e a metodoloxía de análise das expresións. No capítulo 4 preséntanse a totalidade de ámbitos temáticos obtidos das expresións figuradas recollidas e analízanse aqueles que presentan un maior número de incidencia de aparición, co obxectivo de coñecer que valores lles atribúen máis frecuentemente os galegos ós animais e cales son os animais que destacan como caracterizadores desas valoracións. Os capítulos 5, 6 e 7 céntranse no retrato que fan os galegos de tres grupos de animais concretos, aqueles baixo os que se crean máis expresións figuradas en lingua galega: can, cadela; gato, gata e o burro, burra. O capítulo 8 funciona como un compendio das ideas máis representativas ás que se chegan durante o desenvolvemento deste traballo. Os anexos 1 e 2 recollen a totalidade de expresións figuradas construídas con referentes animais que se extraen de obras lexicográficas e de enquisas orais e electrónicas, polo que se ofrece un recurso de consulta das expresións analizadas a disposición do investigador interesado. No anexo 3 preséntase a totalidade de ámbitos temáticos empregados ó longo do traballo para etiquetar as expresións figuradas. O anexo 4 está dedicado á presentación da totalidade de referentes animais das expresións figuradas recollidas e á súa frecuencia de aparición. Por último, no anexo 5 recóllese o modelo de enquisa empregado para a extracción de expresións figuradas construídas con referentes animais. Esta investigación pretende servir como punto de partida para levar a cabo unha análise máis profunda e completa da linguaxe figurada expresada a través do ámbito animal. Preténdese contribuír deste modo ó desenvolvemento dos estudos sobre a linguaxe figurada galega e ó coñecemento da visión do mundo, e en particular dos animais, que os galegos reflicten a través dela.