Sustainable milk production systems in humid areas using farm resources

  1. ROCA FERNÁNDEZ, ANA ISABEL
Dirixida por:
  1. Antonio González Rodríguez Director
  2. María Elvira López Mosquera Co-director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 13 de xuño de 2011

Tribunal:
  1. Antonio Rigueiro Rodríguez Presidente
  2. María Rosa Mosquera Losada Secretaria
  3. Orlando Pablo Vázquez Yáñez Vogal
  4. Fernando Vicente Mainar Vogal
  5. Conrad Patrick Ferris Vogal
Departamento:
  1. Departamento de Producción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría

Tipo: Tese

Teseo: 310600 DIALNET

Resumo

Esta Tese Doutoral foi realizada no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente do Instituto Galego de Calidade Alimentaria (INGACAL) da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, dentro do Proxecto de Investigación RTA2005-00204-00 titulado “Evaluación da eficacia de sistemas sustentables de produción de leite a través da aplicación de sistemas de soporte de decisións e de metodoloxías prácticas de estimación da inxestión de nutrintes en explotacións comerciais de Galicia”, financiado polo Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA), do Ministerio de Educación e Ciencia, e en colaboración coa Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Durante catro anos, a doutoranda foi beneficiaria dunha beca de Formación de Persoal Investigador financiada polo INIA e realizou o Máster en Industria e Economía Leiteira da USC e cinco estancias en centros de investigación e universidades extranxeiras baixo a supervisión de varios investigadores internacionais. O obxectivo principal desta Memoria de Tese, incluíndo no seu título, forma parte da filosofía do CIAM "O estudo de sistemas sustentables de produción de leite en zonas húmidas baseados no emprego dos recursos da explotación". Este estudo permitiunos afondar no coñecemento do importante papel que a produción de leite, baseada no uso dos pastos (principalmente as gramíneas e leguminosas) xoga nas rexións temperadas do Arco Atlántico Europeo, a fin de acadar un aproveitamento eficiente da superficie agraria existente en Galicia, reducindo os custos de alimentación do gando vacún e obtendo produtos lácteos con un alto valor engadido debido a unha mellora no perfil de ácidos graxos do leite. O traballo levado a cabo durante esta Tese divídese en tres seccións principais descritas no Capítulo IV nas que se plantexan seis ensaios experimentais realizados en diferentes Centros de Investigación Europeos. Neles, estúdanse algúns dos factores máis importantes que inflúen na interacción entre o pasto e o animal, co obxectivo de obter unha visión de conxunto e integrada dos sistemas de produción de leite baseados no emprego dos pastos para a alimentación do gando vacún. En primeiro lugar, preséntase a sección titulada a Inxestión de Herba a través do Manexo do Pasto (Ensaio 1.1.- CIAM e Ensaio 1.2.- Moorepark); en segundo lugar, a sección correspondente ao Sistema de Pastoreo (Ensaio 2.1.- Pin au Haras e Ensaio 2.2.- Hillsborough) e, en terceiro lugar, a relativa ao estudo da Calidade do Leite: o Perfil de Ácidos Graxos (Ensaio 3.1.- CIAM e Ensaio 3.2.- CIAM). Fruto da visión multidisciplinar que supón o estudo de sistemas sustentables, presentase unha cuarta sección, tamén dentro do Capítulo IV, que inclúe outros traballos de investigación que, sen establecer ensaios específicos no campo, tratan outros aspectos e complementan a avaliación dos sistemas de produción de leite en pastoreo existentes en zonas húmidas, entre eles: (1) unha revisión bibliográfica dos diferentes métodos non destructivos para determinar a oferta de herba pre-pastoreo, (2) a determinación da urea en leite como un índice diagnosticador da ración do gando vacún de leite en pastoreo, (3) a medida do contido de macronutrintes no pasto por medio dun equipo de espectroscopía de reflectancia no infravermello cercano (NIRS), (4) o balance de nitróxeno ao animal e a determinación -XLIIIdas emisións de óxido nitroso derivadas dun sistema de pastoreo rotacional con aplicación de dúas cargas gandeiras, (5) a variación estacional na composición do leite e (6) a avaliación dun sistema de recría de xatas en pastoreo.