Prácticas educativas parentais e desenvolvemento en nenas e nenos con idades comprendidas entre os 2 e 3 anos
- González Díaz, Olaia
- Antonio F. Rial Sánchez Director
- José Antonio Gómez Fraguela Director
Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela
Fecha de defensa: 21 de abril de 2017
- María Ángeles Luengo Martín Presidente/a
- Laura Rego-Agraso Secretario/a
- Manuela Raposo Rivas Vogal
Tipo: Tese
Resumo
Debido á importante repercusión que, tanto a curto como a longo prazo, pode ter un inadecuado desenvolvemento psicolóxico durante os tres primeiros anos de vida, distintas investigacións céntrase en analizar que factores se relacionan cun axuste psicolóxico óptimo nesta etapa. Entre estas variables, a contorna familiar como principal ámbito de socialización, e máis concretamente, os estilos e prácticas educativas das nais e dos pais, sitúanse como importantes factores de risco ou protección no desenvolvemento de problemas emocionais e condutuais. Tendo en conta o papel protagonista da familia como suxeito promotor do desenvolvemento, e polo tanto, como unha premisa fundamental da orientación educativa na educación infantil, a presente tese “Prácticas educativas parentais e desenvolvemento en nenas e nenos con idades comprendidas entre os 2 e 3 anos”, xurde pola necesidade de afondar nas dimensións educativas que teñen lugar no ámbito familiar nos primeiros anos, e a relación que gardan co desenvolvemento, coa finalidade de potenciar “Programas de Orientación Familiar” como método de promoción da saúde dende idades temperás. O obxectivo xeral da investigación, é o de examinar a relación que se establece entre as prácticas de crianza exercidas polos pais e as nais e o desenvolvemento de problemas emocionais e condutuais, nunha mostra de nenas e nenos na etapa infantil. Máis concretamente, tratamos de analizar en que medida determinados problemas externalizantes e internalizantes, en nenos e nenas con idades comprendidas entre os 2 e 3 anos, se relacionan con determinadas dimensións da parentalidade e esas prácticas educativas serven para explicar estes problemas. Para alcanzar este obxectivo, estudamos unha mostra de 102 familias, con nenos e nenas que asisten a Rede de Escolas Infantís da Comunidade Autónoma de Galicia, “A Galiña Azul As prácticas que se teñen en conta neste traballo son, en primeiro lugar, as prácticas de crianza, entendidas como aquelas actividades que os pais e as nais utilizan para promover o desenvolvemento psicolóxico e emocional das súas fillas e fillos. Por outra banda, examinamos as prácticas de disciplina, ou o que é o mesmo, aqueles comportamentos que os proxenitores levan a cabo para establecer límites ás crianzas Por último, analizamos as expectativas sobre o desenvolvemento actual das nenas e nenos, ou o que é o mesmo, as crenzas dos pais e das nais sobre o que esperan das súas fillas e fillos a determinadas idades. Para avaliar as dimensións da parentalidade que fan referencia ás prácticas de crianza, prácticas de disciplina e expectativas, empregamos a “Escala de Comportamientos para Madres y Padres con Niños Pequeños” ECMP (Solís-Cámara, 2007; Solís-Cámara e Fox, 2007). Para avaliar os problemas emocionais e condutuais, recorremos a un modelo de clasificación dimensional. Nesta tese tratamos o concepto de problema en termos de problemas de internalización (problemas emocionais), e problemas de externalización (problemas condutuais). Para identificalos utilizamos o “Child Behavior Checklist” CBCL/11/2-5 (Achenbach e Rescorla, 2000). A presente tese parte dun deseño previo e se estructura en varias etapas interrelacionadas, que comeza coa revisión de distintas fontes documentais relacionadas co tema que nos ocupa e remata coa análise e interpretación dos datos e a consecuente exposición de conclusións. O enfoque ao que responde é de tipo cuantitativo e se desenvolve a través do estudo de casos, centrado nunha mostra de familias con nenos e nenas con idades comprendidas entre os 2 e 3 anos. Ao longo de todo oproceso prestouse un especial coidado para garantir a calidade teórica e metodolóxica do estudo: validez, fiabilidade e obxectividade. O estudo estrutúrase en dous grandes bloques, onde se desenvolven sete capítulos, un apartado de referencias bibliográficas e finalmente outro de anexos. A primeira parte que denominamos Estado da cuestión, onde se enmarca teoricamente o presente traballo, organízase en catro capítulos: Estilos e prácticas parentais, Estilos educativos e prácticas parentais e desenvolvemento de problemas na infancia, Trastornos e problemas do desenvolvemento e por último un capítulo titulado Educación Infantil. Os tres capítulos restantes, recóllense na segunda parte baixo o epígrafe de Investigación, onde se describe o traballo empírico e inclúe os seguintes títulos: Obxectivos de estudo, Resultados e para rematar un capítulo adicado a Discusión e Conclusións