O tratamento dos sucesos nos informativos diarios de A3, T5, TVG e TVE no ano 2003a oferta que recibe o telespectador galego

  1. Quián Pérez, Raúl Luis
Supervised by:
  1. Xosé Soengas Pérez Director

Defence university: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 01 October 2010

Committee:
  1. Francisco García García Chair
  2. Ana Isabel Rodríguez Vázquez Secretary
  3. Pedro Javier Gómez Martínez Committee member
  4. Hipólito Vivar Zurita Committee member
  5. María Luisa Otero López Committee member
Department:
  1. Department of Communication Sciences

Type: Thesis

Abstract

Os sucesos están moi ligados ao xornalismo. Primeiro coa prensa e logo co xornalismo radiofónico, audiovisual e, na actualidade, co xornalismo cibernético a través da Internet. En tódolos soportes e linguaxes informativas os sucesos conforman unha área de noticias importante. As noticias de sucesos que estudamos no presente traballo foron emitidas nas cadeas de televisión Antena 3, Tele 5, Televisión de Galicia e Televisión Española ao longo do ano 2003. Todas respondían ás seguintes premisas: 1. Teñen que estar referidas a feitos, violentos ou non, que supoñan unha infracción das leis. 2. Tamén poden referirse a catástrofes naturais que teñan consecuencias para as persoas, as súas pertenzas e/ou os seus contornos, como inundacións, terremotos, temporais, treboadas, etc. Incluiremos entre as catástrofes naturais aquelas causadas polo home. 3. O terceiro grande bloque temático ao que poden pertencer as noticias de sucesos analizadas é o dos accidentes nos que se ven implicados seres humanos. 4. Un condicionante inescusable para que as noticias de sucesos que cumpran algún dos requisitos anteriores entren na análise é que estean libres de calquera connotación política. É dicir, que na súa orixe non haxa ningún tipo de motivación política e que tampouco a haxa no seu tratamento. A base deste traballo foi analizar como é a crónica de sucesos á que teñen acceso os telespectadores que viven na Comunidade Autónoma de Galicia a través das principais cadeas de televisión que emitían en aberto no ano 2003 para esa zona xeográfica. O motivo polo que se escolleu ese ano foi a ampla oferta informativa existente entón, con informativos específicos para Galicia nas cadeas privadas que logo non tiveron continuidade. Os obxectivos da investigación foron, basicamente, os seguintes: a. Coñecer a repercusión da información de sucesos dentro dos informativos de televisión. Cal son os temas que máis habitualmente integran a crónica de sucesos e en que formatos se narran. b. Establecer se os sucesos teñen unha maior presenza nos informativos das cadeas privadas que nos das públicas, se a titularidade da cadea provoca unha selección temática e un tratamento distintos das informacións. Analizamos se os informativos das cadeas privadas de televisión fan un tratamento sensacionalista ou orientado ao sensacionalismo, e se os das cadeas públicas se centran máis nos aspectos puramente informativos dos feitos. c. Ver se a información de sucesos xoga con concepto de proximidade co telespectador, se se lle presenta como algo que lle pode acontecer a el. d. Estudar a localización xeográfica das noticias de sucesos emitidas. Determinar a posible existencia de zonas escuras informativamente falando a nivel de crónica de sucesos. Para iso optouse por un método de traballo o máis fiel posible ao punto de vista do telespectador. Os informativos que formaron a mostra foron gravados directamente de emisión. Do seu visionado extraéronse as escaletas correspondentes a cada un deles e a análise das distintas noticias. Tivemos en conta sempre as diferencias existentes entre as cadeas de televisión analizadas (titularidade, ámbitos de cobertura), e tamén entre os distintos programas informativos (duración, franxa horaria, ámbito de cobertura, temáticas incluídas). O estudo permitiu obter as seguintes conclusións, expostas moi brevemente para rematar este resumo: I. Os sucesos son a área temática de referencia ou unha delas na maioría dos informativos analizados. II. O tratamento informativo dos sucesos é máis sensacionalista nos informativos das cadeas privadas. Isto inclúe tamén a propia selección temática dos feitos, xa que é nestas canles onde teñen maior cabida os sucesos máis violentos. III. A dificultade de acceso a datos nos sucesos fomenta o sensacionalismo no seu tratamento informativo. IV. Ningún informativo fai unha cobertura equilibrada das distintas zonas xeográficas no que atinxe á crónica de sucesos. En tódolos casos atopamos amplas zonas silenciadas a este nivel.