Representacións textuais e icónicas da infancia, da primeira adolescencia e da súa educación en revistas culturais e en prensa gráfica galega (Galicia, Bos Aires e A Habana) e madrileña1915- 1936

  1. Bolaño Amigo, María Eugenia
Dirigida por:
  1. Antón Costa Rico Director
  2. María del Mar del Pozo Andrés Codirector/a

Universidad de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 10 de julio de 2017

Tribunal:
  1. Eugenio Manuel Otero Urtaza Presidente
  2. Francesca Comas Rubí Secretario/a
  3. Juri Meda Vocal
Departamento:
  1. Departamento de Pedagogía y Didáctica

Tipo: Tesis

Teseo: 482813 DIALNET

Resumen

Esta investigación ten por obxecto fundamental o estudo das representacións da infancia, da primeira adolescencia e da súa educación que, a través de variados textos e imaxes, atopamos nun conxunto significativo e relevante de revistas culturais e prensa gráfica galega ‒publicada tanto na Galiza territorial como na “outra Galiza” presente en América debido ao amplo fenómeno migratorio‒ e madrileña entre os anos 1915 e 1936. En relación ao marco cronolóxico, o traballo céntrase no primeiro terzo do século XX, especificamente no período comprendido entre 1915 e 1936, por tratarse dun momento de puxanza a nivel cultural, económico e educativo, tanto en Galiza como en España. Resulta ademais un lapso temporal especialmente complexo, polifacético e contraditorio no que a prensa e, particularmente, as revistas lograron converterse en publicacións emblemáticas da vida moderna, ampliando o seu campo de divulgación e influenza. Xeograficamente a investigación atende a tres contextos marcados por obvias diferenzas territoriais, sociais, económicas, políticas e culturais, mais significativamente relacionados a través da prensa. Tres marcos espaciais con distinta interrelación: Madrid, onde se sitúa a capital española que, mediante sucesivas políticas centralizadoras, pautou moi notábeis influenzas sobre as demais comunidades políticas; Galiza, porque é nese momento cando máis aires anovadores de todo tipo poden percibirse; e nas máis destacábeis “cidades de galegos e galegas” de América, porque tamén alí inciden impulsos renovadores que inflúen na Galiza territorial. Os medios de comunicación obxecto de estudo, escollidos atendendo a criterios de significación e relevancia, son: Céltiga (Bos Aires), Eco de Galicia (A Habana), Marineda (A Coruña), Vida Gallega (Vigo), La Esfera (Madrid) e Blanco y Negro (Madrid). A análise da ampla mostra seleccionada permítenos observar, coñecer, valorar e comparar as representacións construídas e difundidas polos sectores burgueses (con diversas manifestacións ideolóxicas), que tanto nos contextos galegos, como naqueles outros da burguesía madrileña, educaban aos seus descendentes, achegándonos a un mellor coñecemento e comprensión da vida social e dos horizontes desexados por parte destes segmentos sociais. A nivel metodolóxico o traballo nutre as súas chaves de estudo e de elaboración a partir dos avances propiciados desde a Escola dos Annales, estimando ser tamén consciente dos debates historiográficos suscitados pola Nova Historia, coa súa apertura á antropoloxización histórica, e atendendo ás achegas da Historia Social e da Historia da Cultura. Deste modo, e partindo dun marco paradigmático interpretativo, as técnicas de investigación mediante as que procedemos no decurso do estudo xiran en torno ao método histórico de análise documental. Concretamente, empregamos a revisión bibliográfica para proceder crítica e rigorosamente na elaboración do corpo teórico sobre o que se sustenta o traballo; e a análise cualitativa de contido, para examinar sistemática e detalladamente as representacións textuais e icónicas, na procura de reunir, sistematizar e poder interpretar adecuadamente as evidencias oportunas á nosa investigación.