O Cancioneiro de Nuno Fernández Torneoledición crítica (en formato impreso e electrónico) e estudo

  1. Pousada Cruz, Miguel Ángel
Supervised by:
  1. Mercedes Brea López Director

Defence university: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 15 October 2013

Committee:
  1. Pilar Lorenzo Gradín Chair
  2. Esther Corral Díaz Secretary
  3. Juan Salvador Paredes Núñez Committee member
  4. José Manuel Lucía Megías Committee member
  5. Maria Luisa Meneghetti Committee member
Department:
  1. Department of Galician Philology

Type: Thesis

Teseo: 351665 DIALNET

Abstract

A presente tese de doutoramento ten como finalidade presentar, seguindo os parámetros da Crítica Textual moderna, unha proposta de edición (en formato impreso e electrónico) do cancioneiro completo de Nuno Fernandez Torneol, trobador e cabaleiro probabelmente oriundo da zona de influencia compostela e en activo no terceiro cuarto do século XIII. Para elaborar a nosa proposta de edición, foron consultados os folios concretos que recolleron as composicións atribuídas ao autor, a través das reproducións facsimilares dos manuscritos A (1994), B (1982) e V (1973), e das imaxes dixitalizadas dos relatores que posúe o Arquivo Galicia Medieval do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Alén disto, realizamos, no outono de 2012, unha consulta directa dos orixinais de A e B nas bibliotecas lisboetas que os custodian. En función da natureza testemuñal das composicións empregamos un método de edición crítica ou outro (codex unicus, para aqueles textos conservados só nun manuscrito, e método neolachmanniano, para aqueles textos convervados en máis dun manuscrito). O traballo aparece organizado en dúas grandes partes. A primeira recolle a edición en formato impreso e inclúe, ademais da nosa proposta de texto crítico, un estudo biográfico do autor, unha análise da tradición manuscrita do seu cancioneiro e un breve capítulo que dá conta dos criterios de edición adoptados. Cada un dos textos vén acompañado de diversa información relevante que axuda a comprender mellor a nosa proposta de edición (información sobre a localización da composición nos propios testemuños, información sobre as edicións previas, aparato crítico que organiza as variantes en tres franxas (significativas, gráficas e de edición), paráfrase do texto ao galego actual, análise das rúbricas e apostilas manuscritas, sinopse métrico-formal, comentario retórico-estilístico da cantiga e notas ecdóticas e lingüísticas aos versos). Un glosario e un rimario pechan a edición en formato impreso. A segunda parte da tese recolle a nosa proposta de edición dixital. Acordouse o emprego da linguaxe de marcado XML para realizar a codificación dos textos, por ser un estandar internacional moi extendido. Analizamos, neste epígrafe, a importancia da Informática humanística e as posibilidades que esta ofrece ao se entrelazar coas metodoloxías de edición (crítica) propias da Filoloxía Románica. Unha vez xustificada a nosa proposta dixital, describimos a base de datos MedDB do Arquivo Galicia Medieval do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que recolle a nosa edición do cancioneiro de Nuno Fernandez Torneol. Un último apartado, previo ás conclusións e resultados da tese de doutoramento, analiza os distintos elementos posíbeis dentro dos documentos XML, recollidos todos eles en apéndice.