O uso público nos espazos naturais protexidos de Galiciadiagnose e propostas de acción
- Cabalar Fuentes, Manuel
- Alberto Martí Ezpeleta Director
- Rubén Camilo Lois González Co-director
Defence university: Universidade de Santiago de Compostela
Fecha de defensa: 01 July 2010
- Guillermo Morales Matos Chair
- Marcos Valcárcel Díaz Secretary
- Javier Gómez-Limón Committee member
- Paloma Ibarra Benlloch Committee member
- Alfonso Mulero Mendigorri Committee member
Type: Thesis
Abstract
O ser humano, como todas e cada unha das especies que habitan o Planeta Terra, depende para a súa supervivencia do que lle ofrece a súa entorna. A alimentación e a respiración, como funcións vitais básicas comúns con tódolos demais seres vivos, teñen que obterse do solo que pisa e do aire que o envolve. E por ser funcións básicas, estes elementos teñen que atoparse nunha cantidade abondo como para cubrir as necesidades vitais. Pero non só a cantidade debe ser adecuada, tamén o ten que ser necesariamente a calidade do elemento, é dicir, que as súas cualidades sexan as mellores posibles. Por iso o ser humano procurou desde sempre dun xeito inconsciente manter un certo equilibrio coa entorna natural e ó mesmo tempo sentiu atracción polas manifestacións da natureza, particularmente polas mais grandiosas (altas montañas, ríos caudalosos, bosques frondosos, mares embravecidos) ante as que se queda marabillado e sorprendido pola súa forza, tamaño e beleza. Por outra banda, a civilización humana asistiu nos últimos séculos a un incremento continuo dos seus efectivos, e como consecuencia disto a unha expansión do territorio ocupado e unha explotación cada vez maior dos recursos que o Planeta Terra pon á súa disposición. Pero os recursos, lonxe de ser infinitos, amósanse como fráxiles e terriblemente limitados; o equilibrio dos elementos que conforman o funcionamento do planeta están ligados por uns fíos demasiado inestables. A imparable carreira do ser humano en pos dos recursos ameaza con poñer fin ó propio home, presa da súa avaricia e da súa insaciable ansia de acadar un nivel de vida que nalgúns casos está cuberto moi por riba das súas verdadeiras necesidades. Deste xeito, a civilización humana nestes intres da súa historia atópase nunha encrucillada, nun instante decisivo, un punto de inflexión no seu evoluír. Nin máis nin menos que decidir qué camiño hai que tomar para poder sobrevivir sen destruír as bases mesmas da supervivencia. É dicir, replantexarse en serio a relación co planeta no que vivimos. A existencia de Espazos Naturais Protexidos (no sucesivo, ENP) inscríbense neste contexto. A sociedade é consciente da importancia da conservación, e a tal fin destinou certos lugares de sobresaliente importancia natural para salvagardalos da explotación incontrolada. As mais diversas concepcións e ideas impulsaron este proceso ó longo das décadas pero hai unha que sempre actúa: a natureza atrae instintivamente ó ser humano, que se sinte a gusto estando nela ou simplemente contemplándoa pasivamente. Efectivamente, as paraxes naturais mellor conservadas son consideradas esteticamente belas pola práctica totalidade das persoas, que se ven impulsadas a visitalas e admiralas ata un punto tal que a día de hoxe atinxe varios millóns de visitantes anuais en todo o mundo. Velaí o éxito dos ENP na sociedade, estendidos a tódolos recunchos do planeta ata ser varios milleiros os espazos declarados na práctica totalidade dos países. Estes territorios son expresión da forza e beleza natural que esperta os sentidos, e constitúen un exemplo de manexo do territorio acorde coas súas capacidades. Por outra banda, os ENP non son unha burbulla illada, nin se poden xestionar baixo este concepto. Moi ó contrario, son territorios nos que actúan multitude de factores desde dentro e desde fora que van moldeando a súa fisonomía e as súas dinámicas. Neste contexto, a Xeografía como ciencia do territorio ten moito que dicir. A planificación e xestión territorial son hoxe mais que nunca imprescindibles para garantir a nosa vida e para garantir un futuro ás xeracións vindeiras. Os ENP deben ser un exemplo de territorio integralmente xestionado baixo preceptos de manexo responsable. Unha das facetas de xestión que mais importancia está a cobrar pola súa importancia social e polos seus efectos sobre os territorios obxecto de protección é o chamado uso público, é dicir, todo o relacionado coa xestión dos visitantes que acoden a desfrutar e coñecer estes lugares, e a dispensa de equipamentos e servizos para atender as súas necesidades. Non é tarefa doada xestionar un ENP e moito menos aínda equilibrar a prioritaria conservación co desfrute ordenado de gran cantidade de visitantes ós que non só se debe dispensar equipamentos senón tamén informar e formar sobre a importancia da conservación por medio da educación e a interpretación ambientais. Neste contexto, o obxectivo principal da tese é coñecer o estado do uso público nos ENP galegos empregando ferramentas de investigación que testarán as características da oferta e da demanda, e cos resultados obtidos elaborar un diagnóstico e unhas propostas de acción nesta materia. Os ENP analizados non serán a totalidade dos que conforman a Rede Galega de ENP senón os que teñen categoría de Parque (Nacional e Natural), por ser os únicos que dispoñen de planificación, dun mínimo de equipamentos e dispensa de servizos para o visitante. A tese de doutoramento está composta por un total de nove Capítulos, incluído o presente (Capitulo I). Os Capítulos II e III conforman a base teórica da investigación e abordan a evolución histórica da creación de ENP e as ideas e concepcións que os impulsaron (Capítulo II), e a fixación do concepto de uso público e todos aqueles aspectos da planificación e xestión dos ENP que entran no seu radio de acción (Capítulo III). Esta parte é completada no Capítulo IV que aborda o contexto espacial da tese: síntese das características naturais e socioeconómicas da Galicia actual, e repaso á historia dos ENP en Galicia coas características mais relevantes da actual Rede. O Capítulo V pon inicio á parte empírica da tese cunha presentación dos ENP estudados e unha xustificación da súa escolla, seguido dunha detallada explicación das bases teóricas, dos antecedentes prácticos e do proceso final de posta en marcha das ferramentas de investigación da oferta e a demanda de uso público, (indicadores, entrevistas a xestores, enquisas a visitantes). Os Capítulos VI e VII conforman o núcleo empírico da investigación. O primeiro deles estuda a oferta de uso público empregando indicadores previamente seleccionados, e o seguinte estuda a demanda en base ós datos recollidos polos propios ENP e os resultados de enquisas persoais a visitantes de tres Parques seleccionados. Nos dous casos, o estudo foi completado polas opinións manifestadas polos xestores (Director e Técnico de Uso Público) en entrevistas persoais concertadas de antemán. O Capítulo VIII encárgase de facer unha diagnose do estado do uso público nos ENP galegos con categoría de Parque, e partir disto elaborar unhas propostas de acción nos vindeiros anos coa idea de corrixir defectos e perseverar nos aspectos que camiñan pola boa dirección. Por fin, o Capítulo IX serve como colofón do anterior xa que despois de descubrir as virtudes e defectos de cada Parque por separado e propoñer o camiño a seguir para cada caso concreto, este Capítulo inclúe unha diagnose e unhas propostas de acción pero neste caso referidas ó conxunto dos Parques. Ó mesmo tempo, este Capítulo sirve como conclusión do traballo de investigación.