Os materiais didácticos e musicais en educación infantilun estudo descritivo e interpretativo da percepción docente en Galicia

  1. Vicente Álvarez, Rosa María
Dirixida por:
  1. Jesús Rodríguez Rodríguez Director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 19 de xullo de 2011

Tribunal:
  1. María Lourdes Montero Mesa Presidenta
  2. Rodolfo Lois Ferradás Blanco Secretario/a
  3. Artur Parcerisa Aran Vogal
  4. Blanca Maravillas Díaz Gómez Vogal
  5. Manuel Area Moreira Vogal
Departamento:
  1. Departamento de Pedagoxía e Didáctica

Tipo: Tese

Teseo: 312472 DIALNET

Resumo

A tese responde a unha necesidade da propia autora por comprender unha realidade que lle toca vivir de preto, como mestra de educación infantil e especialista de música na etapa de primaria. As necesidades metodolóxicas abordadas, así como o desenvolvemento da escrita que se presenta, dividida en tres partes piares e cinco puntos que fundamentan a escrita do estudo, responden a criterios de investigación relacionados coa propia implicación da investigadora. Os piares do estudo son a explicitación ontolóxica que rodea este traballo, relacionado coa exposición científica do suxeito, o obxecto e o contexto, a consideración epistemolóxica que responde á necesidade de procurar unha base no coñecemento científico a partir dunha análise da diversidade de estudos realizados sobre a educación musical e os materiais didácticos no noso contexto e fóra del, e o desenvolvemento dunha metodoloxía apropiada tendo en conta os piares anteriores cos que constitúe a investigación mesma. Os puntos fundamentais responden a unha estruturación da escrita dividida en seis capítulos (os tres primeiros relatan a parte ontolóxica, o cuarto a epistemolóxica e o quinto e sexto as estratexias metodolóxicas), un preludio a modo introdutorio de todo o estudo e unhas conclusións que invitan a seguir reflexionando no mundo da percepción docente e dos materiais didácticos e musicais na etapa infantil e seguintes. O estudo que aquí se presenta ten por título Os materiais didácticos e musicais en educación infantil. Un estudo descritivo e interpretativo da percepción docente en Galicia, este título representa o contido do mesmo. Por unha banda o obxecto de estudo, que abordamos neste traballo, son os materiais didácticos e musicais, polo tanto, no interior deste estudo atopamos un capítulo importante sobre esta temática (o capítulo III): a dos materiais didácticos desde un punto de vista musical. En primeiro lugar, prestamos atención ao termo, e tentamos clarificar o que entendemos nós, neste traballo de investigación, por material. Para este fin, adentrámonos na filosofía dos materiais e na tecnoloxía educativa, como focos atencionais dos materiais didácticos en pedagoxía. En segundo lugar, tratamos de discernir a importancia da verba didáctico e o seu significado dentro do mundo do ensino musical e nos principais métodos que se desenvolveron ao longo do século pasado, realizando un percorrido polos principais materiais que xorden a raíz deles no desenvolvemento didáctico musical. Temos en consideración aquí, as/os principais estudosas/os, así como a/os investigadoras/es que nas últimas décadas prestaron atención á didáctica musical no ensino primario. Por outra banda, o contexto do noso estudo é Galicia, concretamente o noso foco de interese está no ensino de música no 2º ciclo da etapa de educación infantil. Prestamos atención ao currículo, ao desenvolvemento musical e dos materiais na etapa infantil. Ademais, analizamos a formación docente na especialidade musical e a música na especialidade infantil. Ademais, tivemos en conta, ofrecer o interese dun estudo destas características, pola importancia da música no desenvolvemento infantil (aspectos que tratamos de mostrar no capítulo I). Con este propósito realizamos un traballo de investigación dividido en dúas partes (véxase o capítulo V e VI, correspondentes á metodoloxía). Nunha banda, realizamos unha análise de carácter masivo, onde quixemos abarcar un amplo número de respostas e implicacións, para o cal realizamos un estudo descritivo de base cuantitativa. O instrumento de análise escollido foi o cuestionario autocumprimentado que enviamos a todos os centros galegos da nosa mostra. A mostra foi estratificada en función das necesidades do estudo, por tipo de centro, zonas comarcais e provincias, obtendo unha representatividade superior ao 80% nas catro provincias galegas, cun nivel de significación do 0,05 e un nivel de confianza do 95%. Na outra, realizamos unha análise de carácter comprensivo, onde realizamos entrevistas semiestruturadas a un pequeno grupo de docentes que respondían a unhas características particulares que consideramos podían ofrecer información relevante que chegara a ofrecer, a través dunha análise triangulada respostas de calidade ao estudo, na súa interpretación da percepción docente sobre os materiais didácticos e musicais na etapa infantil. Ademais, este estudo dá importancia capital ao suxeito da mesma, xa que a nosa análise está centrada na súa percepción. O noso suxeito é a/o docente que participa no desenvolvemento do ensino musical nunha etapa moi concreta, a que comprende a escolarización dos 3 aos 6 anos de idade da/o nena/o (este tema foi especialmente abordado no capítulo II). Neste caso, a experiencia e a análise confirman que conviven no mesmo labor docentes de distinto tipo, polo que quixemos coñecer as dúas percepcións, comparalas e comprendelas, a través da realización deste estudo. Neste caso, o noso estudo centra a súa atención na análise da percepción docente do profesorado que aborda a temática musical na etapa infantil. Aquí, a análise focalízase en dous tipos de docentes: a/o que ten a especialidade de educación infantil e a/o que ten a especialidade de educación musical primaria. Finalmente, a estratexia metodolóxica escollida por nós para a abordaxe da análise da percepción docente segue un enfoque triangulado, que combina a análise descritiva e interpretativa, cunha intención comprensiva dunha realidade concreta e puntual, vivenciada por un grupo particular de docentes nun contexto tamén único (explicamos estes procedementos no capítulo V). Por unha banda, o estudo segue un enfoque descritivo, o que implica que pretendemos ofrecer unha imaxe, o máis real posible do que acontece no contexto que analizamos. A nosa realidade actual, case superada a 1ª década do século XXI, é que dous tipos de docentes especializados de distinta maneira (maxisterio pola especialidade musical primaria e maxisterio pola especialidade infantil) están a realizar a mesma actividade no segundo ciclo da etapa infantil, en función da organización do seu centro, das necesidades dos recursos humanos dispoñibles, etc. Por outra banda, este estudo é de tipo interpretativo, o que implica que analizamos a realidade que viven as/os docentes antes mencionados, como a senten e como a comprenden aquelas/es que tiveron a ben ter en conta o noso estudo e participar nel. Neste caso, a análise estivo centrada na aplicación dun instrumento de carácter cualitativo, a entrevista semiestruturada. Neste sentido, debemos ter moi presente que o estudo analiza a percepción docente, isto é a realidade desde o seu punto de vista concreto, puntual e condicionado por diferentes factores, non controlados polo estudo, aínda que si detectados e tidos en consideración. Este estudo pretendeu poñer de relevo unha realidade moi concreta desde o punto de vista docente, desde a súa percepción da realidade do ensino musical na etapa infantil, e neste sentido, entre os obxectivos que acadamos están poñer en valor o material didáctico e musical, tamén no seu coñecemento, uso e valoración na etapa infantil, así como resaltar a necesidade de reflexionar sobre a necesidade de avanzar na formación e creación de espazos docentes de diálogo para o desenvolvemento da infancia a través dos materiais didácticos e musicais. As conclusións ás que este estudo nos levou e que destacamos neste resumo son (abordadas a continuación do capítulo VI): - As/Os docentes utilizan sobre todo os materiais impresos, en relación á ensinanza musical, porque son os que mellor coñecen, a pesar de que recoñecen que son de dubidosa calidade, na maior parte dos casos. Así é todo, a avaliación dos mesmos é intuitiva ou inexitente. - As/Os docentes de infantil e musical teñen percepcións diferentes en relación aos materiais musicais (manipulativos, sonoros, etc.), para uns son descoñecidos os métodos dos que emerxen e para outros, a súa percepción da súa utilización na etapa infantil é contraria tal e como está formulada no noso sistema educativo (ratio elevada, escaseza de materiais, etc.), tendo en conta que foron creados precisamente para a iniciación musical das/os máis pequenas/os. - A percepción docente dos materiais consolídase durante a etapa de formación docente e a carencia de fórmulas para o coñecemento, uso e valoración dos materiais didácticos e musicais impide unha percepción que posibilite a súa incorporación na actividade cotiá das/os docentes. - A inexistencia dunha importancia real da música no desenvolvemento infantil imposibilita o desenvolvemento de competencias adecuadas por parte das/os docentes implicados neste labor. - A inexistencia dunha formación que implique ás/aos docentes no seu labor de ensinar imposibilita unha actitude adecuada durante o desenvolvemento da mesma, producíndose situacións de deixadez, falta de responsabilidades, etc. - En función da especialidade docente (música e infantil) a/o docente síntese capacitado para desenvolver actividades musicais con materiais na etapa infantil. Se é especialista de música alega que carece de competencia para desenvolver este labor na etapa infantil. Se é especialista de infantil alega que carece de competencias para desenvolver música na súa etapa. - A falta de concreción das funcións, dos movementos interetapas, etc., crea un elevado grao de inseguridade docente que dificulta as colaboracións, coordinacións, e o desenvolvemento das actividades conxuntas relacionadas coa elección dos materiais didácticos e musicais, a súa distribución, almacenamento e utilización. Resulta unha necesidade clarificar estas funcións e o establecemento de canles e tempos de colaboración docente interetapas e intraetapas. Este estudo, tamén pon de relevo que existen diferentes formas de abordar a análise da percepción docente, se ben, a análise do seu pensamento é mellor abordada desde a pregunta directa que desde outros focos escudriñadores. Tendo en conta todo isto, a nosa é só unha maneira de mirar cuns resultados moi particulares que, en función da análise e os resultados consideramos dunha representatividade e signiticatividade que consolida a importancia e interese do tema para as/os docentes galegos que exercen música na etapa infantil, porque, entre outros, fáltalles formación en didáctica musical para a primeira infancia, porque fáltalles materiais de calidade sonora e didáctica para o desenvolvemento da actividade musical e, porque precisan de tempos concretos de colaboración e coordinación para o coñecemento, a utilización e a valoración dos materiais didácticos e musicais no 2º ciclo da etapa infantil. Por último, agardamos que este traballo constitúa, sequera, unha pinga de auga no océano do ensino que incentive ás institucións de educación superior, aos organismos públicos e/ou privados de educación e a outras/os investigadoras/es e/ou grupos de traballo na liña do desenvolvemento de iniciativas de innovación que estean dirixidas cara a mellora da percepción docente dos materiais didácticos e musicais no 2º ciclo da etapa infantil.