Contra a morte das linguas, o caso do galego
- Moreira Barbeito, Miguel José
- Teresa Moure Director
Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela
Fecha de defensa: 02 de decembro de 2011
- María Pilar García Negro Presidente/a
- Goretti Sanmartín Rei Secretario/a
- Carme Junyent Figueras Vogal
- Víctor Manuel Longa Martínez Vogal
- Tove Skutnabb-Kangas Vogal
Tipo: Tese
Resumo
Resumo da tese doutoral realizada por Miguel Moreira Barbeito baixo a dirección da Dra. Teresa Moure Pereiro O presente traballo de investigación procura unha aproximación ecolóxica ao proceso de morte de linguas, baseándose nun modelo metodolóxico que vai do xeral ao particular. En efecto, primeiramente analizamos a situación das linguo-diversidade a nivel planetario, incidindo nas causas que o motivaron, as distintas explicacións que se deron a este fenómeno ao longo do tempo, así como a descrición da situación actual e as súas posibilidades de futuro. En segundo lugar, nos circunscribimos ao contexto concreto dunha lingua minorizada que se atopa aínda hoxe inserida nun proceso de substitución lingüística, como é o caso do galego. A situación actual da lingua galega, que responde a un proceso histórico de substitución lingüística iniciado polo español, determina que a lingua propia do país sobreviva no seu territorio como minorizada no contexto de conflito lingüístico. Mais para chegarmos até aquí e propoñermos alternativas para a redignificación do nosa lingua, en particular, e das demais minorizadas, en xeral, cómpre detérmonos nalgúns aspectos previos, que en principio poden resultar rechamantes, mais que finalmente a súa vinculación adquirirá significado. Esta investigación comeza cunha breve introdución, construída en forma de convite para que todas as persoas que se acheguen a ela non dubiden e se entreguen a súa lectura, recomendando en todo momento unha predisposición para deixarse levar polo sendeiro deseñado, con independencia de que ao seu remate poidan concordar ou non cos argumentos expostos. Asemade, neste apartado tratamos de explicar os motivos, tanto biográficos como intelectuais, que determinaron a elección do propio tema desta investigación como o trato que dela se fai; salientando as causas da vinculación de conceptos que poidan resultar máis discordantes. O primeiro capítulo está dedicado a cuestións xerais relacionadas coa propia natureza do fenómeno de morte de linguas a nivel planetario. Este feito responde ao trato que facemos do tema central da tese sempre desde a perspectiva da lingüística xeral. Deste xeito, comezamos cun estado da cuestión da ciencia actual, incidindo nunha serie de aspectos conflitivos que, ao noso modo de 1 ver, cómpre solventar para evitarmos que a investigación se transforme nunha simple acumulación de coñecemento preexistente. Por ese motivo consideramos oportuno traermos aquí cuestións epistemolóxicas, aínda que en principio poida semellar que se arredan do que cabería agardar dunha tese de doutoramento como esta. Por moito que poida semellar que o interese pola diversidade lingüística é un aspecto característico das últimas décadas, o certo é que esta cuestión inspirou moitas preguntas e inquedanzas na maior parte das culturas desde hai séculos, ou mesmo milenios. Por este motivo consideramos oportuno realizar un percorrido por algunhas das interpretacións mitolóxicas sobre a linguo-diversidade, co obxectivo de comprobarmos como foi asumida en diferentes e distantes tradicións. Ao mesmo tempo, tamén procuramos analizar as posíbeis repercusións destes mitos no pensamento actual, así como o uso consciente que o poder fixo deles. Con todo, pode que resulte sorprendente comprobar que non todas as culturas o fixeron dun mesmo xeito, tal e como teremos ocasión de ver. Doutra banda, baixo o noso punto de vista resulta oportuno analizarmos as diferenzas terminolóxicas existentes no eido da morte de linguas. Entendemos que é unha cuestión necesaria porque as palabras que empregamos para nomearmos calquera aspecto da realidade manifestan a nosa postura ante esa cuestión, moito máis nun asunto tan connotado como a diminución da diversidade lingüística que define o momento actual; de tal xeito que atopamos notábeis diferenzas en función do grao de implicación que teñamos coa recuperación da linguo-diversidade. Así, por exemplo, unha persoa non motivada coa recuperación das linguas minorizadas non describirá o proceso mediante conceptos como asasinato de linguas ou lingüicidio, empregados por aqueloutras verdadeiramente comprometidas. Unhas razóns semellantes ás que implican o emprego dun tipo de terminoloxía ou outro, determinan tamén a presenza ou ausencia do propio fenómeno da morte de linguas nas diferentes obras de consulta, manuais, atlas ou monografías, no eido da lingüística. Son moitos os textos que, querendo silenciar a drástica redución da diversidade lingüística, optan por ignorar esta cuestión fundamental que sen dúbida vai determinar non só o estado da lingüística como ciencia, senón tamén da propia facultade da linguaxe humana. 2 Dentro da lingüística podemos diferenciar, a grandes trazos, dúas liñas en función da súa postura perante o proceso de morte de linguas. Deste xeito distínguense dunha banda, aquelas persoas que consideran a diminución do número de linguas do mundo como un feito inaceptábel, e, doutra banda, as que se mostran favorábeis á perda da diversidade lingüística. Dentro das primeiras, a maior parte delas coincide en sinalar o incesante avance das linguas maioritarias como causa da morte das linguas minorizadas; tanto a nivel local, onde se producen os conflitos directos entre a lingua oprimida e aqueloutra que procura estenderse no seu territorio, como a nivel global, en que a expansión dunha lingua natural para a comunicación internacional motiva, tamén, a drástica redución da diversidade lingüística. Novamente incidimos nas causas da diminución da diversidade lingüística, salientando que as desaparicións motivadas por axentes naturais non son representativas do concepto de morte de linguas característico desta investigación. Neste apartado salientamos, máis unha vez, a necesidade de vincularmos a ciencia e a ética, en xeral, e a lingüística e a ética, en particular. Ao noso modo de ver, resulta oportuno difundir socialmente un modo de actuar consciente e solidario, desbotando deste xeito o concepto de liberdade individual característico do liberalismo decimonónico, para espallar unha idea de compromiso colectivo. Cómpre incidir en que o fomento do ben común redunda, tamén, no beneficio a nivel individual. Por este motivo presentamos o dilema da persoa prisioneira, pois entendemos que na súa formulación recolle completamente este necesario cambio de mentalidade, promocionando a evolución do eu ao nós. Por último neste capítulo, analizamos a relación existente entre a linguo-diversidade e a economía. Moitas veces se repetiu que neste mundo rexido polo sistema capitalista, as linguas minoritarias resultan antieconómicas e, por tanto, insostíbeis. Pois non só non producen novo capital, senón que resultan moi custosas para os grandes estados, ocultando o inmenso custe económico e social que implican os procesos de substitución lingüística desenvolvidos polas linguas dominantes. Mais o certo é que, baixo o noso punto de vista, existen diversas cuestións que non poden ser reducidas a criterios económicos. As linguas, os ríos ou o propio aire, non poden ser interpretados mediante principios económicos; non son caros nin baratos, simplemente se escapan desta consideración. Non poden ser as linguas as que se adapten aos principios da economía, senón a economía ás características das linguas. 3 O segundo capítulo desta investigación céntrase na categoría de dereitos lingüísticos, ao tempo que focaliza a atención en maior medida na situación concreta do galego, como exemplo de lingua minorizada. Ao mesmo tempo, continuando co paralelismo co eido da ética, propoñemos un dilema baseado nas persoas falantes de linguas minorizadas. Neste mesmo sentido, propoñemos unha ética das linguas, enunciando unha serie de principios éticos relativos ao respecto e á conservación de todas as linguas do mundo. Dentro da análise da interpretación tradicional dos dereitos lingüísticos, incorporamos un apartado dedicado á Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos. Entendemos que, pese á súa moderación e eurocentrismo, constitúe un referente fundamental no recoñecemento dos dereitos lingüísticos a nivel internacional. Consiste nunha iniciativa de gran valor que pretendía tirar luz sobre un tema que até o momento pasaba desapercibido para a maior parte da poboación, como o é o recoñecemento da situación en que sobreviven ás máis das linguas do mundo. Esta declaración constitúe un fundamental punto de partida que cómpre valorar e considerar como se merece. Posteriormente á análise da situación dos dereitos lingüísticos, presentamos o noso propio paradigma que pretende ser máis abarcador. Esta nova proposta fundaméntase na reinterpretación de tres conceptos, ao noso modo de ver, fundamentais, como son a noción de individual, de nación e de dereito lingüístico. Tal e como teremos ocasión de comprobar posteriormente, a especial relación entre os integrantes desta tríade determinará a formulación da hipótese principal desta investigación, denominada hipótese da linguo-diversidade. Esta tese de doutoramento, do mesmo xeito que calquera outro traballo de investigación, posúe unha historia que non sempre responde a un modelo de evolución lineal. Moi ao contrario, en ocasións é preciso desbotar unha idea para podermos reconducir o camiño. Da mesma maneira, neste traballo tamén rexeitamos unha hipótese previa, ao comprobarmos que ficaba refutada polos datos. Decidimos non ocultar esta información incluíndo unicamente a hipótese definitiva, pois entendemos que toda investigación implica cambio e evolución, polo que os pasos previos, aínda sendo errados, serven para afianzar as etapas seguintes. A hipótese da linguo-diversidade vén determinada por aspectos que poden semellar distantes, mais que realmente non o son tanto. Por exemplo, entre outros moitos, a interrelación entre o individual ou o colectivo, decisiva na formulación do noso concepto de dereitos lingüísticos; 4 a importancia de difundirmos o entusiasmo para contribuír á conservación das linguas minorizadas; a teoría da antidiscriminación; ou o emprego terxiversado dos dereitos lingüísticos, que pretende lexitimar o abandono da lingua propia do lugar onde vivimos en beneficio da dominante que se impón no proceso de substitución lingüística. Como peche deste capítulo incluímos un apartado centrado na vinculación da reivindicación dos dereitos lingüísticos cos movementos altermundistas. Dado que baixo o noso punto de vista todas as revolucións están conectadas, acreditamos na necesidade de adherirmos a loita pola conservación da linguo-diversidade a outras reivindicacións tamén lexítimas. Deste xeito, procuramos cinguir os argumentos da ecolingüística aos do ideario altermundista, sendo conscientes de que a fragmentación das revolucións característica do individualismo liberal as conduce inevitabelmente ao fracaso. O terceiro capítulo deste traballo ocúpase da planificación lingüística. Sabemos que tradicionalmente as investigacións deste tipo non elaboraron aplicacións prácticas dos principios teóricos propostos, mais neste caso consideramos oportuno facer unha proposta de planificación da lingua galega que incluíse as ideas desenvolvidas ao longo dos capítulos precedentes. Deste xeito, a proposta que presentamos, respectuosa cos principios éticos salientados, fundaméntase en dous aspectos que son, ao noso modo de ver, fundamentais para a recuperación de calquera lingua minorizada nun proceso de substitución lingüística: a consolidación do estándar, e a difusión social dun modelo lingua de calidade. Ambos os dous aspectos, aínda estando intimamente relacionados, requiren a implicación de axentes normalizadores distintos: as institucións con competencias lingüísticas e o conxunto de falantes da lingua, respectivamente. O labor destes dous colectivos resulta igualmente importante, porque ningún deles abonda por si propio para acadar a plena normalización da lingua. Por último, esta tese de doutoramento conclúe cun apartado dedicado á recapitulación das principais ideas desenvolvidas nela. Neste punto incidimos nos argumentos que poidan resultar máis proveitosos, quer pola súa importancia, quer pola orixinalidade do trato que lle outorgamos; analizándoos nesta última etapa do traballo desde unha perspectiva anovada, que vén determinada pola aprendizaxe adquirida no seu percorrido. Ao mesmo tempo, procuramos peneirar o coñecemento con tino empregando as ferramentas presentadas nesta investigación, co fin de evitarmos que fiquen silenciados aqueles aspectos da realidade que en verdade importan. 5