Diagnose da utilización e formación nas tecnoloxías da información e da comunicación dos orientadores educativos

  1. NOGUEIRA PÉREZ, MIGUEL ÁNGEL
Dirixida por:
  1. Luis Martín Sobrado Fernández Director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 27 de febreiro de 2009

Tribunal:
  1. María Luisa Rodríguez Moreno Presidente/a
  2. Quintín Álvarez Núñez Secretario
  3. Elena Fernández Rey Vogal
  4. Alfredo Pérez Boullosa Vogal
  5. María-Luisa Rodicio-García Vogal

Tipo: Tese

Resumo

A presente investigación sitúase no estudo do impacto da Sociedade da Información e do Coñecemento (SIC) e das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) no ámbito da Orientación Educativa. Neste contexto indagouse sobre as diferentes opinións do colectivo de orientadores educativos de centros educativos públicos e privados de Educación Infantil e Primaria e Educación Secundaria da provincia de A Coruña. Os obxectivos da nosa investigación foron os seguintes: 1º. Describir as principais características da SIC. 2º. Analizar a situación xeral e do sistema educativo na nova sociedade a partires dos sistemas de indicadores existentes. 3º. Estudar a evolución do Sistema Educativo e o seu desenvolvemento na sociedade actual. 4º. Definir e describir as principais TIC presentes na sociedade e as súas implicacións no Sistema Educativo. 5º. Estudar e sintetizar os fundamentos teóricos da orientación educativa. 6º. Analizar as principais implicacións da inclusión das TIC nos procesos de orientación educativa: estado da cuestión a nivel teórico e práctico. 7º. Realizar unha investigación empírica sobre a utilización e a formación en TIC dos orientadores educativos dos centros escolares da provincia de A Coruña. Estruturamos a presente tese de doutoramento en tres grandes bloques: O primeiro bloque, composto por tres capítulos, recolle unha ampla caracterización do contexto socioeducativo no que se desenvolven as persoas en xeral e os profesionais da educación en especial nos inicios do século XXI. O segundo bloque, composto tamén por tres capítulos, constitúe a base conceptual da nosa investigación. Nel presentamos os fundamentos teóricos referidos ás TIC nos procesos de orientación educativa, tratando de describir e argumentar a combinación de ambos ámbitos. O último bloque, conformado por un capítulo, recolle a descrición do deseño do estudo empírico realizado, relativo a análise da utilización e formación en TIC dos orientadores educativos, onde se presenta o problema, os obxectivos da investigación empírica, a metodoloxía, os resultados e a súa análise e discusión. Como principais conclusións, podemos afirmar que os orientadores escolares enquisados posúen un grao medio na familiaridade e preparación para o uso técnico e básico das TIC, pero baixo na familiaridade e preparación para o manexo de opcións consideradas máis avanzadas e complexas no uso das TIC, así como no manexo de contornos de rede e aprendizaxe, tan en voga nos últimos tempos. En canto ao uso específico das TIC para a orientación, apenas se ten en conta a utilización destas ferramentas na súa labor profesional, cunha escasa consideración para a realización de orientación a distancia, e con pouca aplicación destas ferramentas para o deseño de recursos Web para a Orientación. Tanto os orientadores en activo como os expertos entrevistados coinciden en destacar que situacións como a descrita poden ser debidas ao descoñecemento que teñen os orientadores das posibilidades que as TIC poden ofrecer á Orientación, derivada da súa falta de formación (inicial e continuada), e o desaxuste desta ás necesidades reais do contexto no que os profesionais da Orientación desenvolven o seu traballo, causado pola falta de planificación dende as Administracións educativas. Por ende, recálcase dende este estudo a imprescindible priorización de medidas dende ditas Administracións para favorecer que os orientadores adquiran capacidades para o uso específico das TIC na Orientación, adaptándose ás necesidades do seu propio contorno e desenvolvendo de hábitos para o aproveitamento das posibilidades de Internet, a avaliación e uso crítico dos recursos ofrecidos pola Web, así como o traballo de colaboración en rede dos diferentes profesionais da Orientación, coa finalidade de mellorar a calidade dos seus servizos á comunidade educativa nos novos tempos.